HP envórcase coa procura de novo talento en toda Europa

martes, 24 de maio do 2016 Redacción

A empresa tecnolóxica HP e a Fundación Universidade-Empresa (FUE) colaborarán na procura do mellor talento de toda Europa. Pola súa banda, HP achegará un contrato laboral de dous anos na área de Investigación e Desenvolvemento (I+D) a novos profesionais acabados de titular de toda Europa, seleccionados a través do programa HP R&D Academy. Con esta proposta preténdese seleccionar e formar a novos titulados en Enxeñaría Informática, Mecánica e Electrónica, sen experiencia previa, e ofrecer unha carreira profesional na compañía.
O proceso de selección estará liderado pola FUE e os interesados deberán rexistrar a súa candidatura na web específica do programa até o 20 de xuño de 2016.
Os elixidos deberán demostrar a súa valía mediante probas en liña e superando unha fase final presencial nas oficinas de HP en Barcelona, onde terán que pór en valor as súas habilidades e intereses á vez que recibirán formación nas oficinas do 11 ao 15 de xullo de 2016.
Os candidatos recibirán unha axuda de até 500 euros (segundo o lugar de residencia) e faráselles entrega dun certificado de asistencia e aproveitamento do curso formativo expedido por HP e pola Fundación Universidade Empresa.
As actividades desenvolvidas durante estes días serán en inglés e impartidas por expertos de primeiro nivel. Unha vez finalizada esta semana, os candidatos máis salientábeis, incorporaranse a HP cun contrato laboral de dous anos nos que gozarán dunha experiencia internacional e continuarán formándose a través dun Máster que a empresa financiará na súa totalidade.
A convocatoria poderase seguir nos perfís de Twitter, Facebook, LinkedIn da Fundación e a través do hashtag #HPAcademy os candidatos poderán facer as súas achegas e preguntas.

PUBLICIDADE