HPE presenta un programa formativo en Big Data

xoves, 15 de setembro do 2016 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, participou hoxe na presentación do Programa Formativo en Big Data que Hewlett Packard Enterprise (HPE) ofrece desde o seu novo Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) do Gaiás. No acto interviñeron tamén o Vicerreitor de Comunicación e Coordinación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Pereira, e o director do CEIN, Andrés García-Rodeja, quen explicou que o Programa formativo en Big Data para o curso 2016-2017 pon a disposición de 4 graduados en Informática e dun 1 asistente ao Máster Interuniversitario de Big Data da Universidade de Santiago de Compostela unha rede de titores para desenvolver o seu proxecto fin de grao. Cada un dos seleccionados contará co apoio dun profesional de Hewlett Packard Enterprise, que asesorarán aos participantes nas diferentes fases do seu proxecto así como na súa orientación cara a necesidades reais de posibles clientes.
O programa contempla, ademais, 4 bolsas para facer prácticas na nova sede da compañía na Cidade da Cultura, onde conta tamén cun espazo para networking no Centro de Emprendemento desde o que se coordinarán e executarán as iniciativas de formación e difusión de tecnoloxías de Intelixencia de Negocio, organización e dinamización de eventos sobre Big Data.
Mar Pereira destacou a importancia da especialización dos profesionais TIC para poder cubrir a demanda de novos perfís dixitais que reclaman tanto as empresas tecnolóxicas como as doutros sectores. A Axenda Dixital para Europa estima que en 2020 haberá 825.000 postos vacantes para profesionais das TIC.
Neste sentido, a directora da AMTEGA lembrou que, segundo datos publicados o pasado mes de agosto polo OSIMGA, as empresas galegas demandarán máis de 1.400 novos empregos TIC en Galicia para 2016, da que dous terzos se corresponden con novos empregos no sector TIC e o terzo restante nos demais sectores económicos galegos.
Pereira afirmou que “desde a Administración autonómica somos conscientes de que é imprescindible contar con profesionais formados nas novas profesións dixitais, e de que debemos colaborar tanto coas universidades como coas empresas do sector en iniciativas para promover esta especialización. Polo tanto este programa de formación que ofrece HPE é unha excelente oportunidade”.

PUBLICIDADE