HTC Vive xa pode adquirirse nas tendas GAME

luns, 17 de outubro do 2016 Marcus Fernández

No TEK-FEST puido probarse en vivo a experiencia de realidade virtual de HTC Vive

Nas tendas de videoxogos non só está dispoñible a solución de realidade virtual de Sony, que saíu á venda o pasado xoves, senón que agora tamén comezan a poder atoparse alí con certa normalidade os sistemas para PC como HTC Vive, que tiña unha distribución bastante complicada, nacida dun proceso de reservas que abriuse o pasado mes de febreiro, e que practicamente limitábase a venda en liña a un prezo de 899 euros.
Para poder facernos agora co casco de realidade virtual HTC Vive podemos recorrer agora á cadea de tendas GAME, o que facilita enormemente a compra do produto, sendo o seu prezo de venda actual de 919,95 euros; aínda que cómpre lembrar que para gozar da realidade virtual precisamos de equipos informáticos de grande potencia, de xeito que GAME tamén pode aproveitar a distribución de HTC Vive para a venda de tarxetas gráficas de alto rendemento e de equipos informáticos de elevada potencia.
Un dos detalles máis curiosos da comercialización de HTC Vive en tendas GAME é que a meirande parte de contidos de realidade virtual para a solución de HTC están dispoñibles a través de Steam, ou sexa, que liberarían ao usuario da dependencia dos establecementos físicos, polo que estariamos ante un produto que iría contra os seus intereses a longo prazo.

Rapaz dando os seus primeiros pasos con HTC Vive durante o TEK-FEST de Pontevedra

PUBLICIDADE