Hackity App, unha aplicación participativa para mellorarmos a nosa cidade

mércores, 16 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Poden as novas tecnoloxías combater a tiranía dos coches nas cidades? Segundo dan a entender os impulsores do estudo de deseño social Hackity, non é que podan por si mesmas, pero axudan. En primeiro lugar porque para empregarmos as novas tecnoloxías sociais, queirámolo ou non, temos que comunicarnos e dialogar, e isto adoita estar nas antípodas de todo o que ten que ver con conducir (incomunicación, falta de diálogo e de entendemento, cada un por libre no seu coche, etc). O estudo Hackity quere facer algo semellante á política participativa que promulgan certos grupos pero aplicado á evolución das cidades nas que vivimos. Con este obxectivo teñen entre mans unha aplicación en desenvolvemento pero xa descargábel e usábel: Hackity App.
A través dela, din, podemos compartir cos demais a nosa visión da urbe ou barrio no que habitamos: o que nos gustaría mudar, o que nos gustaría que deixaran estar.
A listaxe de cousas que podemos facer é infinita, se o pensamos ben. Dende dar conta dun parque infantil en mal estado ou dun paso de peóns mal disposto até dos puntos das estradas urbanas onde os coches circulan por enriba da velocidade permitida. Os responsábeis da aplicación xa amosaron a súa arela de conseguir a implicación directa de administracións e asociacións de veciños, incrementando ao máximo a comunicación entre as primeiras e as segundas, e entre elas mesmas tamén. O obxectivo é acadar diálogo e información, e que os datos xerados sexan de valor para asociacións, concellos e colectivos dende o primeiro intre en que os soliciten. Até o de agora, as iniciativas de Hackity xa foron levadas á práctica nos barrios madrileños de Santa María de La Cabeza e Puerta del Ángel, e a resposta “foi moi boa”, sinalan. A intención é ampliar a iniciativa a outras zonas da capital do Estado e mesmo a outras cidades. Este labor de promoción e divulgación faise a través dos Hackity Dinner, que son encontros convocados a través das redes sociais para hackear unha cidade entre todos os participantes. Hackear no sentido de intervir positivamente. Por exemplo, achegando colectivamente diñeiro para amañar un problema concreto a contorna urbana.

PUBLICIDADE