Hoxe celébrase o 25 aniversario da publicación de Linux

xoves, 25 de agosto do 2016 Redacción

Os días pasados falamos en Código Cero da celebración dos 25 anos da Web, pero a liña de celebracións TIC non remata aí esta tempada. Nunha das máis salientábeis dáse a significativa circunstancia de festexar, tamén, 25 anos anos de andaina. Trátase da celebración do sistema operativo Linux, que chega aos cinco lustros de “idade” esta semana, xa que foi tal día coma hoxe (un 25 de agosto de hai 25 anos) cando Linux Benedict Torvalds, estudante de Ciencias de Computación en Helsinki, anunciou perante a comunidade do software libre (que xa existía dende aquela e dende moito antes) o lanzamento dun sistema operativo libre, “deseñado e publicado por afección”, para os procesadores 80386 e 80486 de Intel, e que “malia non ser tan grande e profesional como GNU, si que servirá para computadores 386”.
Tratábase do sistema Linux, un dos grandes piares do movemento open source dos nosos días e, tamén, un dos grandes piares do tecido informático mundial en termos xerais.
Como dixemos, un dato certamente curioso da publicación do sistema libre é que Linus Torvalds amosouno perante o mundo como un simple hobby. Porén, malia estes humildes inicios, a ferramenta foi medrando e ramificándose até converterse, nos nosos días, en recurso básico para o bo funcionamento de grandes multinacionais como Google, Amazon ou DreamWorks (entre outras moitas) ou entidades de primeira liña como a Bolsa de Nova York, a NASA ou a Bolsa do Brasil. Ademais, é o miolo e a orixe dos máis de 1.400 millóns de teléfonos con sistema Android. De feito, segundo datos recentes, calcúlase que case o 99% das supercomputadoras del mundo tira partido do sistema Linux.

PUBLICIDADE