Huawei presenta os seus novos móbiles insignia

mércores, 15 de abril do 2015 Marcus Fernández

O fabricante chinés Huawei continúa a apostar por mellorar a súa posición internacional no segmento dos smartphones de alta gama, para o que presentan o seu novo Huawei P8, o novo buque insignia da compañía que goza dun deseño moi coidado, un acabado de grande calidade, conectividade 4G, soporte para dúas tarxetas SIM, un grosor de só 6,4 milímetros e unha traseira de aceiro, de xeito que podemos situalo con tranquilidade entre os últimos smartphones de moda, dos que difire principalmente no seu procesador, xa que Huawei optou por introducir no seu novo smartphone un Kirin 930 de 64 bits e 8 núcleos, que promete un bo desempeño e un baixo consumo (tirando un grande proveito da súa batería de 2.680 mAh).
A súa pantalla é Full HD de 5,2 polgadas, entre os seus accesorios ten unha cuberta que integra unha pantalla de 4,3 polgadas de tinta electrónica (que amosa información como a axenda, o tempo e a hora mantendo unha boa autonomía e permitindo a súa lectura en exteriores, e que tamén podería aproveitarse como lector de libros electrónicos), o seu micrófono conta con tecnoloxía de redución de ruído capaz incluso de eliminar o molesto efecto do vento até un 90% e conta cun recubrimento que o fai resistente a salpicaduras.
Un dos puntos fortes do terminal será a súa cámara de 13 Mpíxeles, pero non precisamente pola súa resolución, senón polo seu estabilizador óptico de imaxe, un sensor de catro cores que consegue mellorar o brillo un 32% en situación de alto contraste, procesador de imaxe para a redución de ruído, 4 modos profesionais de disparo con pouca luz, modos de disparo artísticos, completas funcións para a gravación de vídeo e, como detalle significativo, que pese a estar integrada nun terminal de só 6,4 milímetros de grosor, a cámara non sobresae fisicamente como acontece con smartphones como o iPhone 6.
Venderase en varias cores (prata, ouro, negro e gris) nunha versión básica (con 16 GB de almacenamento interno) a un prezo de 499 euros, contando tamén cunha versión Premium (con 64 GB) a 599 euros.
Pero este non é o único smartphone presentado hoxe, senón que tamén deuse a coñecer o rechamante Huawei P8max, que herda a meirande parte de prestacións do seu irmán menor ao grande, xa que eleva o seu tamaño de pantalla até as 6,8 polgadas, e súa batería até os 4.360 mAh, de xeito que resulta difícil de distinguir dunha tableta de pequeno tamaño. O seu grosor queda en 6,8 milímetros, e o seu prezo será de 549 euros para o modelo básico (con 32 GB de almacenamento interno) e 649 euros para a súa versión Premium (con 64 GB de almacenamento interno).
Un detalle a salientar de ambos terminais é que, en vez de comercializarse co apelido Ascend, finalmente chegarán ao mercado baixo a marca pura de Huawei, o que podería indicar unha nova política de distribución internacional da compañía (que até hai pouco achegaba varios dos seus smartphones baixo a marca Honor para fuxir da súa marca principal en Europa).

Unha funda permite engadirlle ao Huawei P8 unha pantalla secundaria de tinta electrónica
Os prezos dos novos smartphones de Huawei van en relación ás prestacións e ao tamaño

PUBLICIDADE