Humble Bundle celebra o Halloween cun lote de xogos independentes

mércores, 29 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Para facerse con Shadowrun Returns será preciso pagar máis de 12 dólares (9,40 euros)

A iniciativa Humble Bundle parece querer celebrar o Halloween co seu novo lote de xogos independentes, que é xa o número 13, e que comeza ofrecendo de balde o xogo Teleglitch: Die More Edition, mentres que os títulos OlliOlli, Insanely Twisted Shadow Planet e Tower of Guns por un prezo que decida o propio usuario. Quen pague máis da media (actualmente uns 5,23 euros) poderá conseguir tamén os xogos Jazzpunk, Amnesia: A Machine for Pigs e Risk of Rain, destacando este último por incluír 1 copia para o comprador e outras 3 para que poida compartir cos seus amigos. No caso de pagarse máis de 12 dólares pode conseguirse adicionalmente o xogo Shadowrun Returns.

Amnesia: A Machine for Pigs é un título terrorífico incluído neste Humble Bundle

Destes títulos é realmente destacable Amnesia: A Machine for Pigs, por ser un título terrorífico que consegue recuperar a esencia de moitos xogos survival, que consegue aprobar con boa nota pese a carecer de alardes técnicos, sendo secuela do xa clásico Amnesia. Sen dúbida un grande xogo para celebrar o Halloween.
Estamos ante un lote de xogos que está valorado en 108,33 euros, que podemos adquirir completo por uns 9,40 euros, polo que é unha grande oportunidade para os seareiros dos xogos independentes ou para quen queira probar novas experiencias.


Trailer deste último Humble Bundle

PUBLICIDADE