Humble Bundle oferta numerosos xogos de Assassin’s Creed

martes, 3 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Agora que está en carteleira o filme de Assassin’s Creed protagonizado por Michael Fassbender e a franquía de videoxogos está en barbeito, resulta moi oportuno que dende Humble Bundle lancen un lote de xogos do selo para achegar fondos a entidades benéficas e, de paso, popularizar a tenda de aplicacións de Ubisoft (Uplay) que é na que se ofrecerán os xogos (en vez de a través de Steam, a plataforma dominante no sector de videoxogos para PC).
Os usuarios que acheguen a partires de 1 dólar poderán facerse co Assassin’s Creed orixinal e os tres xogos de Assassin’s Creed Chronicles (ambientados en China, India e Rusia respectivamente), mentres que as persoas que paguen máis que a media (6,79 euros no momento de escribir estas liñas) recibirán tamén a edición de luxo de Assassin’s Creed II, Assassin’s Creed III coa expansión Tyranny of King Washington: The Infamy e Assassin’s Creed: Liberation HD (remasterización do xogo lanzado inicialmente para PS Vita).
Pecharán este interesante lote de xogos os xogos Assassin’s Creed: La Hermandad e Assassin’s Creed: Unity, que estarán dispoñibles para quen pague a partires de 15 dólares (14,44 euros). Deste xeito, calquera persoa que non se achegara aínda a esta saga ten un xeito moi económico de poder gozar da meirande parte das súas entregas, afondando así no longo enfrontamento entre Assassins e Templarios, que vai dende as Cruzadas en Terra Santa até a Guerra da Independencia Estadounidense.

JPEG - 200.6 KB
O xogo Assassin’s Creed: La Hermandad queda limitado a quen pague a partires de 15 dólares

PUBLICIDADE