IBM pon a disposición dos concellos a súa plataforma de transformación dixital POEM

xoves, 14 de xullo do 2016 Redacción

A multinacional IBM vén de pór a disposición de calquera cidade a plataforma de transformación dixital POEM, unha tecnoloxía que fornece (en primeira instancia) solucións eficaces de atención á cidadanía e de inspección do espazo público. Segundo informou a compañía dun xeito máis xenérico, a solución facilita aos municipios, con independencia do seu tamaño, “o acceso ao potencial tecnolóxico da Internet das Cousas e a Industria 4.0”.
A dispoñibilidade para os Gobernos locais da devandita plataforma foi dada a coñecer no marco do evento A transformación dixital das cidades. Segundo se fixo saber, POEM (Platform of Engagement for Municipalities) permitirá nunha segunda fase de desenvolvemento aplicar tecnoloxías cognitivas (sistemas que entenden a linguaxe natural, analizan grandes cantidades de información e son quen de aprender) en novos servizos “que impulsarán a transformación dixital das cidades”.
En palabras de Marta Martínez, presidenta de IBM España, “en pouco tempo, o concepto de cidade intelixente deixará de ser unha opción para converterse nunha condición inherente a toda contorna urbana que pretenda dar resposta aos seus retos de presente e de futuro”. Segundo engadiu, POEM preséntase como “un conxunto de solucións para optimizar a xestión das cidades de maneira doada e flexíbel baixo un contrato único de pago por uso”. Isto, explicou, “democratizará o acceso para todas as cidades, grandes ou pequenas, a tecnoloxías innovadoras que marquen un antes e un despois, como a nube, a analítica de datos, mobilidade, seguridade e medios sociais”.
Tamén explicou que POEM diferénciase doutras solucións semellantes en que ten “a capacidade de adaptarse polo miúdo ás demandas dos servizos públicos e que require dunha mínima configuración para a súa posta en marcha”. Igualmente, salientou o feito de que se trate dun “ecosistema aberto a sistemas de terceiros”.
A plataforma de IBM actúa inicialmente nos ámbitos de atención cidadá e inspección do espazo público. Posibilita que o cidadán poida comunicarse coa administración en calquera momento e desde calquera lugar usando un dispositivo móbil intelixente (por exemplo para dar conta dunha incidencia no mobiliario urbano). Ademais, facilita o fluxo de comunicación entre os responsábeis da devandita xestión e permite completar o ciclo notificando ao usuario a resolución do problema. Tamén é quen de optimizar os labores de inspección, permitindo que os traballadores públicos poidan facer as súas xestións derivadas do seu traballo a través do móbil ou do computador.

PUBLICIDADE