ICT-Go-Girls apunta á necesidade urxente de atraer ás mozas ás TIC dende a Secundaria

venres, 2 de xaneiro do 2015 Redacción

Unha das actividades do proxecto realizadas na sede do CESGA en Santiago

O proxecto europeo ICT-Go-Girls! rematou a súa andaina de forma oficial o pasado 30 de outubro de 2014. A iniciativa, que foi coordinada pola área de e-learning do Centro de Supercomputación de Galicia, dirixiuse a achegar ás nenas de Secundaria os coñecementos, habilidades e valores para axudalas a crear e obter innovación e emprego de calidade nas TIC. O día 15 de outubro, celebrouse en Amberes (Bélxica) a conferencia final do proxecto, onde, cunha participación en local e a través da rede, concorreron 150 persoas nunha sesión onde se presentaron as conclusións máis importantes e desenvolvéronse diversos obradoiros prácticos sobre posibilidades de levar as TIC á aula de forma que sexan máis atractivas para as alumnas dos primeiros cursos de educación primaria.
Como lembraremos, o proxecto de innovación educativa ICT-Go-Girls!, co-financiado pola Unidade de Aprendizaxe Permanente da Comisión Europea, reuniu a expertos investigadores de 5 países (CESGA e USC da nosa terra, Universidade do Danubio e Die Berater de Austria, a Universidade Spoleczna Akademia Nauk de Polonia, o Instituto Fraunhofer IAO de Alemaña e o centro de formación CVO Antwerpen de Bélxica) para analizar e deseñar métodos e recursos de soporte ás escolas europeas e mellorar o modo no que se abordan as TIC nos primeiros anos da Secundaria. A idea era animar a alumnas e alumnos a adquirir habilidades emprendedoras e interese polas carreiras e empregos relacionados coas novas tecnoloxías.
O proxecto estaba dirixido a estudantes dos primeiros cursos de Educación Secundaria (de idades entre os 10 aos 14 anos) e os seus profesores e profesoras nas escolas europeas, para tratar de reverter a tendencia negativa que fai que só un 30% do sector TIC estea formado por mulleres, e que ademais, só supoñan un 19% nos ámbitos de decisión deste sector, un dos máis activos, diversos e con posibilidades de emprego a nivel mundial. A Comisión Europea calcula unha carencia de 900.000 traballadores formados en TIC en Europa para o ano 2020, “polo que lograr unha maior participación das mulleres neste sector resulta crucial”, informa ao CESGA reflectindo declaracións da Comisión.
Os resultados do proxecto poden ser consultados nunha guía en 5 idiomas: Manual para Centros Educativos. Promovendo o espírito emprendedor a través das TIC. Este manual é unha guía práctica de 40 páxinas que resume as actividades, achados, barreiras e recomendacións para mellorar o número de mulleres traballando no sector do TIC desde a Educación Secundaria. Está dispoñible en formato PDF desde a propia web do proxecto ou en formato papel, que se pode solicitar ao CESGA. Ten unha licenza Creative Commons Attribution Share Alike, polo que pode ser utilizado, adaptado ao contexto de traballo particular. O manual inclúe un CD con materiais extra, documentación do proxecto, material de difusión, e mesmo o código da rede social empregada na iniciativa, baseada en desenvolvementos de software libre Elgg e SocialWire.
Como lembraremos, o proxecto ten a súa continuación no marco do Plan Proxecta, da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, cunha iniciativa denominada Rapazas Emprendedoras nas TIC, onde se propón levar á práctica diferentes proxectos de aula coa referencia e apoio dos materiais do proxecto europeo. Esta iniciativa conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, así como outras institucións como o Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia, AGASOL, USC, UDC e UVigo.

PUBLICIDADE