Igalia amosa o seu apoio á Libre Software World Conference de Santiago

luns, 8 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Igalia, unha das empresas galegas de software libre de meirande experiencia (deseñando programas, informando das vantaxes da programación aberta e achegando formación na materia), vén de confirmarnos o seu apoio á Libre Software World Conference 2012, o gran evento do código aberto que, como fixemos saber previamente en Código Cero, ten a súa sede en Santiago de Compostela a partir do vindeiro 18 de outubro. Segundo nos contan dende Igalia, o apoio materializarase en dúas vertentes: labores de patrocinio propiamente ditas e participación directa no programa de actividades. A empresa galega toma partido polo dita congreso a través do seu Máster en Software Libre.
Nun plano máis detallado, está previsto que o venres 19 de outubro interveña Juan José Sánchez Peñas, de Igalia, amosando as mellores metodoloxías posíbeis para formar en programación aberta. Máis polo miúdo, Sánchez Peñas falará da experiencia propia da empresa a través do devandito Master en Software Libre, co que se ten contribuído á especialización de numerosos profesionais no eido do código aberto, profesionais que a día de hoxe están a desenvolver a súa actividade laboral nesta área. “Será pois”, informa Igalia, “unha excelente oportunidade para que todos aqueles que aínda estean a dubidar se realizar o Master, poidan resolver as súas intertezas e convencerse de que fomarse en software libre é investir en futuro laboral”.
Por outra banda, cómpre informar que o 18 de outubro estará tamén, na Libre Software World Conference 2012, Javier Morán, de Igalia, presentando LibrePlan Open Web Planning.
Detalles sobre un congreso mundial de gran relevancia
A Libre Software World Conference (LSWC’12) é un evento destinado a fortalecer as raizames do desenvolvemento e emprego de programas abertos na nosa terra e, tamén, a afianzar as relacións cos centros mundiais de difusión de open source. A cita, de alcance internacional, amosa un elenco de relatores-especialistas en cultura libre procedentes dunha chea de países, ámbitos e sectores.
O congreso vén da man da asociación galega AGASOL e conta co apoio da axencia AMTEGA. Os días 18 e 19 de outubro temos pois unha cita coa comunidade do software libre en Santiago, na Cidade da Cultura. E cando falamos de comunidade, falamos de programadores, usuarios e impulsores, pertencentes aos eidos da empresa, a administración ou á propia cidadanía.
O encontro é a día de hoxe un dos máis importantes a nivel estatal en difusión de open source, orientándose cara un enfoque principalmente profesional e empresarial. A xuízo de AGASOL, esta conferencia supón unha excelente oportunidade para coñecer de preto as principais novidades e innovacións técnicas, os novos produtos e proxectos no eido do software libre que hai en marcha en España, amais de servir como punto de encontro e networking entre os profesionais e empresas que se dedican a ofrecer servizos arredor do código aberto. Entre os relatores confirmados atopamos os seguintes:
· Bruce Perens: Creador da definición de Open Source Definition e cofundador xunto con Eric S. Reymond da Open Source Initiative (OSI).
· Chris DiBona: Chris DiBona é o director de Open Source para Google, Mountain View. Os seus equipos supervisan o cumprimento das licenzas e apoian á comunidade de desenvolvedores en código aberto a través de programas como o Google Summer of Code e por medio da publicación de proxectos de código aberto de software e parches.
· Christian Felber: Especialista en economía sustentable e alternativas aos mercados financeiros. Ten desenvolvido un novo modelo internacional: "A economía do ben común".
· Corinto Meffe: Director de integración de sistemas no Ministério do Planejamento, Orçamento e Gestão.
· Fernando Botelho: Fundador de F123, grupo que deseña proxectos co obxectivo de reducir a pobreza e mellorar o acceso á tecnoloxía.
· John Sullivan: activista da liberdade do software, hacker, e escritor. Actualmente é director executivo da Free Software Foundation, onde está traballando dende comezos do ano 2003. Ademais é poñente e webmaster do proxecto GNU.
Lembrar, por último, que a Libre Software World Conference 2012 de Santiago está concibida como un evento onde a filosofía do coñecemento aberto chega mesmo ao propio formato da conferencia: de libre acceso, previa confirmación. Proponse como fonte de solucións diversas, concretas e competitivas para calquera sector. Empresas, institucións e individuos encontrarán o intercambio de coñecemento e experiencias que procuran, amais de avances, casos concretos de éxito en aplicación de software libre, e foros de discusión creados especialmente para eles. A asistencia é de balde previa inscrición.

PUBLICIDADE