Igalia amosará no MWC os seus avances en rendemento dos navegadores en smartphones

mércores, 10 de febreiro do 2016 Redacción

Igalia, empresa galega centra en desenvolvemento avanzado de ferramentas e solucións en código aberto, vén de confirmar a súa participación na edición 2016 do Mobile World Congress (MWC), feira tecnolóxica referencial que este ano celébrase do 22 ao 25 de febreiro en Barcelona baixo a lema Mobile is everything. No evento, a firma galega amosará as súas últimas innovacións en optimización e mellora de rendemento de navegadores para dispositivos intelixentes.
Como lembraremos, Igalia está especializada en “tecnoloxía web cliente”, en concreto no desenvolvemento de WebKit/WebKit For Wayland, Chromium/Blink (motores de renderizado web de Safari de Apple e Google Chrome, respectivamente) e Firefox, e a súa optimización e evolución para aqueles clientes que utilicen estas plataformas para os seus servizos.
Igalia, amais do devandito, traballa en desenvolvemento de estándares, motores JavaScript, soporte multimedia, accesibilidade e gráficos. Segundo nos lembran fontes da firma con sede na Coruña, a día de hoxe a compañía achega tecnoloxía open source avanzada cos principais fabricantes de SmartTV, descodificadores, dispositivos intelixentes e recursos de fogar dixital, domótica e motor.
O obxectivo, común a todas estas liñas de actividade, é subministrar solucións que melloren e axilicen a reprodución de vídeos, gráficos e animacións “non só a través de desenvolvementos de servizos e plataformas propias, senón colaborando na definición de estándares que poidan beneficiar e dar soporte a toda a industria”, explican dende Igalia, onde lembran, como exemplo deste espírito de colaboración e tecnoloxía aberta, a súa integración en asociacións como W3C, GENIVI, Tizen Association, ou Automotive Grade Linux, e en entidades como The Linux Foundation ou a Free Software Foundation.
Segundo conta Xavier Castaño, responsábel de Desenvolvemento de Negocio de Igalia, “as nosas contribucións están presentes en calquera plataforma construída sobre Linux, dende o sistema Android a diversos sistemas embebidos, e supoñen a mellor carta de presentación de face a grandes empresas”. E engade: “Estas contribucións repercuten na porcentaxe de persoas que acceden á web mellorando a velocidade, rendemento e accesibilidade dos servizos dos nosos clientes”. Castaño tamén informa de que nos últimos meses a firma encetou unha liña nova e complementaria de actividade, centrada en Software Defined Networking e orientada a mellorar os switches virtuais co uso do proxecto Snabb.
Respecto á súa participación na feira MWC, sinalar que a caseta de Igalia estará situada no Hall Congress Square, Caseta CS60, dende a que poderán verse demostracións de renderizado gráfico de alto rendemento, demostracións da tecnoloxía WebKit For Wayland así como doutros proxectos desenvolvidos pola firma galega.

PUBLICIDADE