Imatia e Situm impóñense nos Premios Galicia Spin-Off

luns, 9 de novembro do 2015 Redacción

Finalmente xa temos os nomes das firmas recoñecidas nos Premios Galicia Spin-Off, organizados por Banco Pastor (Grupo Banco Popular) e o portal galego de divulgación científico-tecnolóxica GCiencia. Por unha banda temos a empresa viguesa Imatia, adicada ao desenvolvemento rápido de software innovador. Pola outra, á compostelá Situm, especializada en xeoposicionamiento en interiores. Ambas firmas foron elixidas polo xurado como as gañadoras dos Premios Galicia Spin-off nas categorías Selo de Calidade e Idea Emerxente, respectivamente. A empresa de biotecnoloxía Celtalga recibirá tamén unha distinción ao resultar finalista na categoría Idea Emerxente.
Lembrar que os premios foron convocados co obxectivo de distinguir as mellores iniciativas empresariais xurdidas nos grupos de traballo de traballo das nosas tres universidades (o que se coñece como spin-offs) máis destacadas pola súa traxectoria (Selo de Calidade) e pola posta en marcha de ideas innovadoras (Idea Emerxente). Os galardóns entregaranse nun acto que terá lugar a finais de novembro na sede da Fundación Barrié de la Maza en A Coruña.
O xurado, composto por expertos de Pastor, do CSIC, da Real Academia Galega de Ciencias, do portal GCiencia e profesionais da ciencia, tivo “un difícil traballo para elixir as propostas gañadoras entre unha ducia de iniciativas que accederon á selección final do premio”, segundo informan os organizadores do certame. Entre as empresas participantes atopábanse firmas adicadas á creación de software innovador, outras que innovan cos seus produtos no sector sanitario, empresas agroalimentarias punteiras e compañías que investigan novos produtos procedentes do medio mariño.
Imatia, como recordaremos, é unha spin-off especializada no desenvolvemento rápido de software innovador para empresas e administracións públicas. O seu obxectivo estratéxico é a comercialización de produtos de software a través das marcas Ontimize, Cividas e Elastic. Entre os méritos que o xurado tivo en conta para a concesión do premio destaca “a súa traxectoria de excelencia ao longo de dez anos”, nos que acadou fitos como a venda dos seus produtos nos países máis avanzados do mundo e emprazarse como provedora de empresas referenciais no mercado como Inditex, BNP Paribas ou ADIF. Imatia conta a día de hoxe cun persoal de 71 traballadores (moitos deles titulados nas tres universidades galegas) e prevé uns ingresos este ano superiores aos 3,5 millóns de euros. Como gañadora do premio no apartado Selo de Calidade, Imatia recibirá unha oferta de financiamento de Pastor e recibirá unha peza escultórica exclusiva.
No apartado Idea Emerxente a candidatura gañadora foi a de Situm Technologies, nada na Universidade de Santiago de Compostela. Dedícase, como recordaremos, ao desenvolvemento e comercialización da súa propia tecnoloxía de localización en interiores para dispositivos intelixentes. As súas tecnoloxías implantáronse xa en máis de 30 edificios repartidos por diversas partes do mundo (Galicia, Madrid, Barcelona, EUA, Xapón e Colombia). O seu produto principal, Situm RTLS, é unha plataforma de localización en interiores para teléfonos intelixentes. O premio que recibirá como gañadora no apartado Idea Emerxente consistirá en 2.000 euros en metálico, unha peza de deseño exclusivo e unha oferta de financiamento de Pastor. Situm, entre outros fitos recentes, fíxose co co primeiro premio da iniciativa YUZZ a nivel estatal, situouse entre as gañadoras do concurso Elevator Pitch Singularity University, fíxose co premio Ideas do proxecto Coruña Smart City, conseguiu o recoñecemento como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT) da Xunta de Galicia e tamén liderou os premios da I edición de Galicia Open Future.
A candidatura finalista no apartado Idea Emerxente é a spin-off da Universidade de Santiago Celtalga Extract. A empresa dedícase á produción de extractos acuosos de macro algas procedentes das costas galegas. Os produtos obtidos aplícanse de xeito prioritario ao sector cosmético aínda que tamén se poden utilizar noutros eidos como a alimentación e a agricultura. As vendas da empresa acadarán os 250.000 euros en 2016. Como finalista neste apartado, Celtalga recibirá unha peza física de deseño exclusivo.

PUBLICIDADE