Imatia engade novas cidades aos seus traballos de eAdministración en Brasil

mércores, 13 de setembro do 2017 Redacción

Imatia segue a espallar os seus achados tecnolóxicos en Brasil. E de que maneira? Pois basicamente aplicando alí os recursos de Administración Electrónica que aquí, na nosa terra, foron integrados en concellos como o de Pontevedra ou o de Ourense, por citar algúns dos máis recentes. Polo que respecta a Brasil, o afianzamento de Imatia non é novo, e xa deu froitos en cidades como Valinhos, Olinda ou Campina Grande. A novidade reside na incorporación da cidade de Cariacica, emprazada no litoral e pertencente ao estado de Espírito Santo, sendo equiparábel en poboación ás nosas urbes da Coruña ou Vigo. É o exemplo máis recente de localidade brasileira “adherida” aos procesos de implantación de eAdministración de Imatia. Ademais de Cariacica, está previsto que durante este ano se somen novas cidades aos estudos técnicos de Imatia dirixidos a avaliar o impacto da dixitalización pública. Por certo que Imatia dispón dunha oficina de seu en São Paulo desde 2015.
Boa parte dos traballos despregados alá pola empresa galega encamíñanse a preparar aos municipios de cara ao medre económico e demográfico experimentado nos últimos anos por boa parte das localidades, un crecemento que desencadeou novas demandas que non están a ser cubertas de abondo polas ferramentas de xestión das que dispoñen, “sobre todo no ámbito recadatorio”, lembra Imatia, explicando que “en moitos casos non existe información actualizada ou a que hai está rexistrada de forma manual, dificultando enormemente a súa procura e mantemento”. Esta situación, explica a firma galega, non permite ás administracións realizar “unha correcta xestión dos recursos, producindo desigualdades e dificultando a planificación de políticas públicas”.
Imatia participa nestas implantacións como parte do Projeto Breogam, un consorcio de empresas brasileiras e españolas especializadas en varios eidos relacionados coa modernización das administracións, fornecendo de experiencia no desenvolvemento e implantación de solucións de software para a automatización de procesos no sector público.

PUBLICIDADE