Imaxin e Priberam selan unha alianza para axudar ás empresas da Península á busca de novos mercados

mércores, 16 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

O acto de presentación rematou con concerto a cargo de Ugia Pedreira e Fred Martins

Hai alianzas empresariais que son a consolidación dun sitio pechado por onde non pasa ninguén. A alianza selada este mércores entre a empresa galega Imaxin e a portuguesa Priberam vai en dirección contraria: diríxese a crear unha ponte empresarial, lingüística, informática e cultural. Así nolo fixeron saber as dúas compañías, con imaxes de pontes incluídas, durante a presentación do seu acordo, celebrado este mércores na nova sede de EGANET na rúa do Pombal de Santiago, nun acto que contou (entre outros) coa presenza de José Ramom Pichel (Imaxin), Carlos Amaral (Priberam) e Víctor López (presidente de EGANET), e no que houbo un pouco de todo: dende un percorrido polas accións pasadas, presentes e futuras das dúas empresas até un impresionante punto e final cun man a man musical entre Ugia Pedreira e Fred Martins. Segundo fixeron saber Pichel e Amaral, esta alianza é máis que nunca unha suma de experiencias. Do que se trata é de unir forzas (as súas longas traxectorias no eido lingüístico-tecnolóxico) para favorecer a busca de actividade exterior das empresas nunha longa listaxe de mercados emerxentes, incluídos algúns que nos tocan ben de preto, como Brasil.
Segundo engadiron, estamos a falar dunha iniciativa conxunta sen precedentes neste sector da enxeñaría lingüística na Península Ibérica, unha actividade que suporá unha ocasión de primeira para “contribuír á internacionalización doutras empresas de toda a Península, propoñéndose como unha solución aos atrancos de espallamento que moitos negocios precisan no contexto actual, achegándose ferramentas que contribúan ao seu medre con solucións prácticas, necesarias e creativas”, dixeron. A experiencia das dúas firmas reunidas hoxe en Santiago é o alicerce sobre o que se apoia o proxecto: por unha banda os quince anos de traxectoria de Imaxin fornecendo a xigantes como Microsoft de ferramentas de tradución e corrección, entre outras, e por outra banda as máis de dúas décadas de Priberam, hoxe en día un referente empresarial no sector TIC do país irmán, achegando dende Lisboa servizos de tradución automática, buscadores intelixentes ou dicionarios dixitais.
Xa nun plano máis específico, o acordo encamíñase á explotación de produtos e servizos para tódalas variantes do galego-portugués e do castelán-español no mundo (español de Europa e Latinoamérica e as variantes de portugués de Europa, Galiza e Portugal, de Brasil e de Angola), tradución automática, buscadores, recursos de corrección ortográfica e dicionarios electrónicos.
Volvendo á cuestión da “ponte” coa que abrimos este texto, a alianza Imaxin-Priberam significa o espazo lingüístico e de comunicación que faltaba nun mundo que se vai facendo cada vez máis global e sen que iso menoscabe a necesidade que temos de seguir falando a nosa lingua. Por citar un exemplo, dicir que as ferramentas das dúas empresas axudarán ás empresas españolas a comunicarse correctamente coas lusofalantes ou coas anglofalantes, e viceversa. As direccións e variantes son múltiples. E no medio de todo, isto, sitúase a nosa terra como lugar privilexiado en Europa, ao ser a canle natural entre o mundo que se expresa en español e o mundo que se expresa en portugués, sinalaron Pichel e Amaral. De feito, para facérmonos unha idea do alcance que pode ter todo isto, cómpre que teñamos en conta que uns 500 millóns de persoas falan en todo o mundo diferentes formas destes dous idiomas devanditos.
Entre os produtos de referencia das dúas empresas reunidas en Compostela podemos atopar os seguintes:
· Plataformas de referencia en tradución automática como Opentrad.
· Dicionarios electrónicos como o Priberam da Língua Portuguesa, ou o Diccionario de Dicionarios históricos galegos.
· Os correctores ortográficos do portugués, Galgo, FliP e Aurélio, que inclúen as variantes galega, portuguesa e brasileira.
· Correctores gramaticais e de estilo.
· Buscadores intelixentes de leis Legix.
· Buscador semántico Priberam Search especializado en prensa.
Entre os clientes de ámbalas empresas atópanse compañías e institucións como Microsoft, Público, Folha de São Paulo, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Complexo Hospitalario da Coruña, Instituto Cervantes, Jornal de Negócios, Sapo PT, Porto Editoria, Editorial Edebé, Eroski, Deputación da Coruña, Deputación de Guipúskoa, etc.
No acto de presentación do acordo, como dixemos, tamén participou Víctor López, presidente de EGANET, quen logo de presentar as dúas empresas e facer un percorrido breve pola súa traxetoria, quixo salientar o potencial da alianza como plataforma ou ferramenta para a supresión de barreiras de moi diversa índole: físicas, dixitais, culturais ou mesmo empresariais e de mercado. Salientou que as firmas galegas temos unha clara vantaxe en espazos lusófonos, como por exemplo Brasil, un xigante económico en fase de crecemento no que se sabe que, como é natural, os empresarios agradecen poder falar a nivel internacional na súa propia lingua.

PUBLICIDADE