Imos?, a guía social galega, agora tamén para Android

xoves, 22 de novembro do 2012 Redacción

Dispoñible para dispositivos iOS (iPhone, iPod e iPad) dende o 1 de agosto, a aplicación Imos? pódese descargar dende agora tamén en dispositivos con Android. Cómpre lembrar que Imos? consiste nunha guía social de Galicia na que se poden atopar suxestións en canto a gastronomía, enoloxía, lecer, tabernas, máis de 900 praias e unha longa listaxe de opcións para gastar o tempo que percorren a nosa xeografía. En Imos? tamén se recorre aos puntos de información turística da comunidade galega e existe a opción de ver todos os lugares situados nun mapa.
Esta nova aplicación está vinculada ás redes sociais de máis sona: Facebook e Twitter, para poder compartir experiencias, engadir comentarios, pendurar fotos, consultar puntuacións dos outros usuarios respecto dos lugares a visitar ou mesmo subir novos destinos (tamén fóra de Galicia) co propósito de facer medrar o abano de posibilidades a elixir no Imos?
Cómpre dicir que Imos? está dispoñible en galego, español e inglés, integrándose tamén co Tradutor Galego!

PUBLICIDADE