Inaugurada en Compostela a Lonxa de Financiamento ACEint
mércores, 1 de xullo do 2015
Este
primeiro de xullo inaugurouse
en Santiago a Lonxa de Financiamento ACEint, organizada polo
IGAPE para
facilitar aos promotores de once proxectos empresariais de Galicia e
Norte de Portugal o acceso a financiamento de investidores
institucionais ou particulares. Na
apertura participou o director de Xesgalicia, Juan Cividanes, que
salientou que a iniciativa insírese nun proxecto de colaboración co
país luso que está a ofrecer tamén un sistema de alertas e
oportunidades de negocio para empresas do sector das novas
tecnoloxías. No
encontro, desenvolvido na Cidade da Cultura, houbo un relatorio do
promotor dos
estudios galegos de videoxogos Gato
Salvaje,
Fernando Prieto, sobre a forma en que unha startup
consegue
financiarse a través de capital risco e crowfunding.
A
seguir, os promotores dos once proxectos seleccionados no marco do
proxecto de cooperación transfronteiriza
ACEINT presentaron as súas iniciativas diante dos investidores
presentes na Lonxa. A xornada incluíu ademais unha mesa redonda
sobre as posibilidades de financiamento dos investimentos TIC.
Participaron neste debate representantes do IGAPE,
de Xesgalicia, do Club de investidores de Clúster TIC Galicia,
de Unirisco/Uninvest e de AFIGAL.
O proxecto
ACEint, no que tamén traballan a
Universidade de Santiago e a axencia de desenvolvemento portuguesa
BICMinho, está financiado polos fondos
europeos FEDER ao abeiro do Programa de
Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e ten como obxectivo
impulsar a creación, o desenvolvemento e a internacionalización de
empresas TIC, coa finalidade de que actúen como catalizadores da
competitividade na contorna
Galicia-Norte de Portugal. “Neste ámbito de cooperación”,
informa o IGAPE, “estanse a pór
en marcha varios servizos e recursos para as empresas lusas
e galegas que desenvolvan a súa actividade
ou liñas de negocio no sector das TIC, mellorando o acceso a
información, asesoramento e formación á medida para o sector”.