Ineo xuntará os nosos profesionais referentes no mundo para que nos conten as súas experiencias

xoves, 29 de setembro do 2016 Redacción

A vindeira semana, os días 6 e 7 de outubro a asociación Ineo (a alianza de empresas galegas do sector TIC) organizará na sede de AFundación (no 24-26 da rúa Policarpo Sanz de Vigo) un foro de networking co que se quere amosar o alto nivel dos nosos profesionais no mundo ao que tempo que se celebra o décimo aniversario da dita asociación. Neste encontro atoparanse 16 profesionais galegos que traballan no estranxeiro ocupando postos salientábeis en empresas tecnolóxicas de referencia a nivel internacional compartirán as súas experiencias, plans de futuro e posibilidades de colaboración con empresas de Galicia. Cómpre subliñar que todo isto se atopará inserido na iniciativa Talento.gal, posta en marcha por Ineo.
Con esta reunión preténdense crear sinerxías e tirar proveito desa rede de contactos de alto nivel que supoñen os profesionais galegos no exterior. Trátase, entón, de orientar ás firmas da nosa Comunidade para que coñezan en que traballan nas súas compañías e que colaboracións poderían propor.
En palabras de Ineo, “este foro podería traducirse nunha porta de entrada a investigadores que buscan empresas para pór en mercado as súas solucións, xa que por esta vía abriríase un camiño para chegar a firmas de terceiros países con moito máis percorrido neste eido”.
A asociación tamén lembra que a súa experiencia (estes dez anos de intensa actividade defendendo as nosas empresas e favorecendo a súa procura de novos mercados), entre outras moitas conclusións, achega a seguinte realidade: no sector tecnolóxico o talento galego está amplamente presente no mundo. Este é o motivo polo que nesta primeira edición a iniciativa Talento.gal se centre no sector TIC, aspirando a ampliarase en vindeiras citas a outros ámbitos. Microsoft, Warner Music, Visa, Siemens, Orange, Cern, Telefónica USA ou Vasco Data Security son algunhas das firmas que representan os profesionais que se darán cita na xuntanza da vindeira semana.
Talento.gal é unha contribución de Ineo que conta co apoio do IGAPE, da Xunta de Galicia e dos fondos europeos FEDER. Trátase dunha iniciativa de longo alcance que busca abrirse a outros axentes, alén do empresariado: universidades que queiran manter o contacto cos seus alumnos, colexios profesionais que queiran identificar onde están os seus profesionais máis recoñecidos, administracións públicas que desexen facer seguimento a circulación do talento... Dito doutro xeito: que se converta nun observatorio do talento galego a nivel mundial e unha rede de intercambio de experiencias.
Amais de presentar este programa e debater e reflexionar acerca do noso pulo creativo en materia empresarial e innovadora, Ineo celebrará os seus dez anos de vida ademais de presentar a súa nova xunta directiva. Terá lugar na mesma sede de AFundación 6 de outubro, ás 19.30 horas.

PUBLICIDADE