Informática El Corte Inglés convoca un encontro estatal sobre TIC e turismo

venres, 5 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Informática El Corte Inglés, a empresa de asesoramento TIC do grupo español do mesmo nome, anunciou esta semana a vindeira celebración dun encontro dirixido a pór de relevo as múltiples vantaxes e potencialidades das novas tecnoloxías, facendo fincapé nas máis innovadoras de entre o innovador, ao servizo da práctica turística dende tódalas frontes (a de quen vende e distribúe e a de quen adquire). A xuntanza terá lugar en Madrid, este luns 8 de outubro, e leva por título o seguinte: I Encontro de Tecnoloxía e Turismo TRAVELIT.
Nela, sinala a empresa organizadora, amosaranse as principais tendencias actuais aplicadas ao sector das viaxes, a hostalería e a gastronomía, que permitan adoptar solucións e estratexias para garantir a satisfacción e a experiencia en destino do cliente. Segundo informa Informática El Corte Inglés, “os turistas son a día de hoxe usuarios activos das novas tecnoloxías, empregan Internet non só para escolmar información, senón para expresar e compartir as súas opinións, creando contido na Rede”. Pola súa parte, as empresas están obrigadas a dotarse das capacidades e ferramentas precisas para tirar proveito da devandita familiaridade coas TIC, creando estratexias que lles axuden a situar aos turistas no núcleo dos seus procesos. As persoas que asistan ao evento terán oportunidade de asistir aos relatorios de especialistas do talle de Andy Stalman, un dos máis salientábeis expertos en branding en España e Latinoamérica, que compartirá a experiencia acumulada en dúas décadas de traballo e proxectos en máis de 25 países. Tamén poderán dar conta da visión particular sobre as novas tecnoloxías no sector turístico de Kike Sarasola, director dunha cadea de sobranceiro éxito: Room Mate Hotels.

PUBLICIDADE