Innovación move ficha para convocar a máxima participación na Semana da Ciencia 2007

mércores, 1 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Xa se ve a Semana da Ciencia ó lonxe. Chegará en novembro e, uhna vez máis, nin será só unha semana nin se falará unicamente de ciencia. De feito, as actividades (a celebrar en toda Europa) desenvolveranse en Galiza do 5 ó 18 de novembro e as cuestións a tratar son tan diversas que se precisan múltiples formatos e canles: cafés científicos, visitas guiadas, obradoiros, excursións, ciclos de cinema e teatro científico. En definitiva, a Semana da Ciencia xirará arredor do saber humano, de todo aquilo que ten beneficiado á nosa calidade de vida procedente dos centros de investigación e, tamén, de tecnoloxía (o tema que nos ocupa). Co obxectivo de que na nosa terra cunda este coñecemento até onde sexa posible, a Consellería de Innovación (institución encargada da organización en Galiza) vén de convocar a todos os axentes sociais a participar nas súas actividades.
Neste senso, as entidades interesadas en participar teñen xa neste sitio un espazo habilitado para rexistrarse. Poderán concorrer centros de investigación, universidades, asociacións cidadás, ONGs, administracións públicas, museos, fundacións, hospitais, empresas, etc.
Innovacion, co obxectivo de “ofrecer unha programación de calidade”, seleccionará as actividades que formarán parte da Semana da Ciencia en Galicia 2007 seguindo os seguintes criterios: adecuación aos obxectivos xerais da Semana da Ciencia en Galicia, gratuidade, interese científico e social, calidade e orixinalidade da proposta, adecuación á tipoloxía de actividades descrita e a participación activa do visitante na actividade.
O departamento que dirixe Fernando Blanco tamén se encargará de “coordinar e asesorar aos centros participantes, promocionar e difundir mediante distintos medios publicitarios e informativos a Semana da Ciencia 2007 e as súas actividades e de xestionar a páxina web da Semana da Ciencia (www.semanadaciencia.org) con información de todas as actividades seleccionadas”.

PUBLICIDADE