Innterconecta 2015 mobiliza 110 millóns para impulsar a innovación das nosas empresas
mércores, 20 de maio do 2015
O Centro de Novas
Tecnoloxías de Galicia (CNTG) acolleu hoxe a presentación da nova
convocatoria (2015) do programa
FEDER-Innterconecta, unha iniciativa de raizame europea e
participada polo Goberno galego para financiar proxectos innovadores
a través da cooperación entre empresas e centros tecnolóxicos e
cuxo orzamento para as entidades galegas, este ano, é
de 110 millóns de euros en formato de subvención. A xornada foi
inaugurada polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, que
comezou salientando a razón de ser de Innterconecta e da
participación activa do Goberno autonómico: contribuír a facer da
innovación un hábito nas nosas empresas.
Asemade, fixo un
percorrido polas diferentes edicións do programa (dende 2011)
destacando que os resultados “non podían ser mellores”. E
engadiu: “Nas diferentes convocatorias acadamos a cifra de máis de
400 empresas galegas concorrendo nelas”.
Ao seu xuízo, o
principal valor de todo este esforzo é sen lugar a dúbidas “un
intanxíbel”. Este, sinalou, non é outro que a cooperación: a
cooperación entre múltiples frontes e trazando pontes entre o
público e o privado, entre centros tecnolóxicos e empresas, entre
empresas e empresas, entre sectores, entre administracións e
administracións.
Segundo engadiu,
Innterconecta é “unha oportunidade para consolidar o liderado
innovador das empresas galegas”. Para isto, dixo, contarase co
apoio do Estado, a través do CDTI (Centro
para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial), favorecendo
proxectos innovadores nos que colaboren empresas de varias
Comunidades Autónomas,
Sobre as iniciativas
galegas que se converteron en realidades grazas ao financiamento de
Innterconecta e as súas sucesivas entregas, o conselleiro citou
proxectos como o desenvolvemento da primeira vacina contra a cistite;
o proxecto Magallanes, botando en Redondela un revolucionario
trimarán capaz de xerar enerxía mareomotriz; ou un sistema de
xestión de biotoxinas mariñas, atacando un problema recorrente das
nosas rías. Conde tamén resaltou a posta en marcha de achegas de
innovación aberta inspiradas no programa europeo, como o Conecta
PEME, co que busca trasladar eses beneficios á pequena empresa
replicando o mesmo modelo do Innterconecta, e que mobiliza 50 millóns
de euros; ou as Unidades Mixtas de investigación, que mobilizan
outros 70 millóns atraendo a grandes compañías como Repsol, PSA,
Esteve ou Gas Natural Fenosa para innovar en Galicia.