Instagram chega aos 400 millóns de usuarios

mércores, 23 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses temos comentado o crecemento de Instagram como plataforma social de grande relevancia e uso, chegando a desprazar a Twitter en mercados como o español, e para confirmar esta meteórica traxectoria confirman que xa conta con 400 millóns de usuarios, dos que máis do 75% viven fóra dos EE.UU., de xeito que temos unha plataforma moi global. Concretan que dos últimos 100 millóns de usuarios máis da metade viven en Europa e Asia, sendo os países que están a achegar máis usuarios nos últimos meses Brasil, Xapón e Indonesia.
Tendo en conta que Instagram só ten uns 5 anos de vida, conseguir 400 millóns de usuarios é un logro máis que notable, poñéndose á altura de plataformas sociais moito máis ambiciosas e completas, deixando claro que a súa aposta pola imaxe ten unha maior aceptación que sistemas máis complexos. De feito, que Instagram teña 84 millóns de usuarios máis que Twitter debería chamar á reflexión, xa que Twitter está a deixar de medrar, mentres Instagram mantén o seu pulo, o que en boa medida debería influír á hora de ter presenza nas redes sociais, polo que é de prever que nos vindeiros meses a balanza aínda se incline máis a favor de Instagram, xa que é de esperar que as celebridades e as marcas que queiran chegar a un público masivo dean prioridade a Instagram fronte a Twitter.
De todos os xeitos haberá que ver como evoluciona Instagram, xa que actualmente continúa moi ancorado á súa aplicación móbil, estando os seus contidos mal conectados coa web (de feito, nin sequera permite ligazóns nos comentarios, o que inicialmente era toda unha declaración de intencións, pero de cara ás marcas pode supor un importante atranco, xa que dificulta a atracción de clientes a través desta plataforma).

PUBLICIDADE