Instagram estrea versión para Android

martes, 3 de abril do 2012 Marcus Fernández

No iPhone leva bastante tempo causando furor a aplicación Instagram, que facilita a aplicación de numerosos efectos visuais ás fotografías que tomemos no móbil para despois compartilas co mundo, e hoxe chega a Android, disparando dun xeito impresionante a súa base de usuarios (tanto potenciais como reais).
Ata o momento Instagram contaba con máis de 30 millóns de usuarios rexistrados, máis de mil millóns de fotografías cargadas e unha listaxe de espera pola aplicación para Android que superaba os 430.000 inscritos, polo que a estrea desta ferramenta para dispositivos con Android 2.2 ou superior (con soporte de OpenGL ES 2) é un éxito cantado. A nova versión da aplicación, ofrece o mesmo que a de iOS (aínda que na primeira versión careza dalgunhas características que van incorporarse en breve), pero cunha excelente adaptación aos dispositivos con Android, conseguindo que a experiencia entre plataformas sexa consistente.
A aplicación para Android chega en inglés, chinés, francés, alemán, italiano, xaponés, coreano, portugués e español, soporta imaxes de ata 2.048 x 2.048 píxeles e, polo momento, limita o seu funcionamento a móbiles, pois no seu deseño para tablets deixouse de lado polo momento.

Instagram consegue achegar a Android unha experiencia de uso como a da súa versión para iOS

PUBLICIDADE