Instagram facilitará o uso de varias contas de usuario

luns, 8 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A finais de novembro soubemos que Instagram estaba a probar na súa aplicación para Android o soporte de múltiples-contas, facilitando así que nun único dispositivo fose posible publicar imaxes como varios usuarios de Instagram sen ter que pechar a sesión e volver a introducir o nome de usuario e o contrasinal (proceso bastante laborioso como para facelo con frecuencia), e finalmente esta funcionalidade será oficial, tal e como veñen de anunciar no blog oficial da compañía, no que aseguran que esta semana a súa aplicación para iOS e Android recibirá como principal novidade o poder conmutar entre varias contas de usuario de xeito rápido.
Cando un usuario configure en Instagram varias contas de usuario, chegará con que pique no seu nome de usuario no seu perfil para poder conmutar entre as súas distintas contas. Na aplicación aparecerá a foto de perfil en distintos lugares para que o usuario sexa consciente da conta coa que está a empregar a aplicación a cada momento.
Esta prestación é especialmente desexada por profesionais que xestionan varias contas de usuarios e que tiñan serios problemas para xestionalas simultaneamentes, mentres que outras plataformas sociais como Twitter contan con tal funcionalidade dende hai bastantes anos.

ACTUALIZACIÓN (9-2-2016): A actualización de Instagram con soporte multi-conta xa está dispoñible:

PUBLICIDADE