Instagram indicará o número de reproducións dos seus vídeos

venres, 12 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Cada plataforma social ten as súas mecánicas e linguaxe, que ten que adaptarse paulatinamente aos uso e necesidades dos usuarios, o que está a levar a Instagram a realizar moitos cambios ultimamente, e así como hai pouco comezaron a aceptar imaxes que non fosen cadradas, agora preparan un novo cambio que supón desprenderse parcialmente da súa principal métrica, os gústame, que no caso dos vídeos serán substituídos por contadores de visualizacións, o que é un valor numérico de adopción máis ampla, o que facilitará que os vídeos promocionais poidan coñecer a súa difusión cunha medida homoxénea.
Este cambio aplicarase nas vindeiras semanas, e como curiosidade temos que, ao igual que acontece cos gústame de imaxes, será posible consultar a listaxe de usuarios que indicaron que lles gusta un vídeo en concreto (axudando así a descubrir a novos usuarios aos que seguir en Instagram) mantendo no anonimato aos que non interactuaron co vídeo.
Aínda que o vídeo en Instagram non fose unha prestación que chegase dun xeito moi natural (senón que xurdiu como resposta á aparición de novos competidores como Vine), o seu uso disparouse, de xeito que nos últimos seis meses o tempo que os usuarios dedican a ver vídeos en Instagram incrementouse en máis do 40%.
Dende Instagram adiantan que este non será o único cambio que pretende aplicar aos vídeos durante 2016, senón que están a preparar novas melloras no xeito de presentar vídeos, compromiso que resulta evidente ante as facilidades que ofrece o formato na súa explotación publicitaria.

PUBLICIDADE