Instagram proba o soporte de múltiples contas na súa versión para Android

venres, 27 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Durante a pasada mañá desvelouse o soporte de múltiples contas na versión de proba de Instagram para Android

Dende esta mañá algúns usuarios inscritos ao programa de testing de Instagram (que teñen actualmente a versión 7.12.0 da aplicación para Android) poden gozar unha nova opción demandada dende hai moito: soporte de múltiples contas. Deste xeito, na sección de Opcións da aplicación contan nun novo apartado que permite engadir outra conta de usuarios, de xeito que nos momentos nos que debe aparecer o nome de usuario na barra superior da aplicación, se prememos no texto poderemos abrir un menú no que poder conmutar entre as distintas contas de usuario configuradas ou incluso poder engadir un nome de usuario novo.
Ao parecer esta nova funcionalidade non está activa para todos os usuarios de proba da aplicación, senón que está a espallarse entre os mesmos, polo que algúns aínda terán que agardar para poder gozar desta nova posibilidade que agradecerán especialmente os que fagan un uso profesional de Instagram, xa que así terán facilidades para conmutar entre o seu usuario persoal e as distintas contas profesionais que xestionen. Enténdese que tras un pequeno período de probas o soporte para múltiples contas de usuarios converterase nunha funcionalidade oficial (que chegaría tamén a outros sistemas operativos móbiles).

PUBLICIDADE