Instagram supera os 1.000 millóns de instalacións en Android

luns, 22 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Parece que Facebook está a converterse na compañía de máis éxito en Android despois de Google, pois a súa aplicación Instagram vén de superar a barreira dos 1.000 millóns de instalacións dende Google Play, sendo a 19ª aplicación que conseguiu tal, e sendo a 4ª de Facebook (tras Facebook, WhatsApp e Messenger).
Non estamos ante unha medida de usuarios únicos (cada usuario pode ter a mesma aplicación instalada en distintos dispositivos), pero superar esa barreira ten bastante mérito, especialmente se temos en conta que Twitter (en camiño de superar esa barreira psicolóxica) e Snapchat (que non chegou aos 500 millóns de instalacións) aínda non conseguiron facelo.
Realmente Instagram ten máis de 500 millóns de usuarios activos, o que xa é un volume moi elevado, especialmente se temos en conta que o número de dispositivos con Android o pasado outono era duns 1.400 millóns.

PUBLICIDADE