Intermax reforza o seu compromiso para levar redes de última xeración ao rural galego

mércores, 21 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Javi Mouriño, fundador da empresa de redes de Melide

Empresas como Intermax dánlle a volta, suprimíndoa, á vella idea de que nunha terra de actividades produtivas tradicionais como a nosa non se poden facer e estender tecnoloxías. Con sede en Melide, dirixida por Javier Mouriño, con quen tivemos o gusto de falar en Código Cero, Intermax compórtase como unha empresa pero, tamén, como un equipo de traballo comprometido con tirar abaixo os atrancos de comunicación que afectan dende tempos inmemoriais ao eido galego. Este compromiso, lonxe de esmorecer, mantense, tal e como nos conta a continuación o propio Mouriño, fundador e principal responsábel da firma.
-Intermax presentouse dende o primeiro día como unha empresa chamada a solucionar unha eiva de décadas: as precarias condicións dos nosos concellos do rural no que se refire a comunicacións. No caso concreto de Intermax, facendo fincapé na banda larga. Segue a ser este o espírito de Intermax?
-O espírito de Intermax segue a ser o mesmo que nos seus comezos, mantendo o compromiso coa xente do rural galego e o obxectivo de medrar día a día, feito que se pon de manifesto no noso empeño por instalar redes de ultima xeración, que ofrecen os mellores a todos os nosos clientes. A nosa rede propia, en permanente expansión, ofrece cobertura a maioría dos concellos das provincias de A Coruña e Lugo. As provincias de Pontevedra e Ourense contan cunha cobertura do 25 e 10% respectivamente. Dende comezos de 2012 lanzamos o servizo de internet vía satélite, empregamos os dous únicos e mais avanzados satélites de Banda KA que permiten unha cobertura total da península Ibérica con velocidades de ata 18 Mbps de descarga e 6 Mbps de subida
-En cantos concellos ten presenza Intermax e a cantos usuarios chega, públicos e privados? Cal está a ser a súa resposta con respecto aos servizos que achegades?
-A nosa rede propia ofrece cobertura en mais de 130 concellos principalmente das provincias de Coruña e Lugo e supera os 12.000 clientes conectados. Dende Intermax valoramos o contacto próximo o cliente dando resposta as súas necesidades. Este contacto mantémolo a través da nosa rede comercial e valorámolo mediante enquisas de servizo, que levamos a cabo de forma periódica, para comprobar o grao satisfacción dos nosos clientes. Podemos sentirnos orgullosos do servizo que lles estamos a brindar, resposta que nos amina a seguir mellorando a calidade dos servizos ofertados.
-Cales son as ferramentas ou tecnoloxías básicas que emprega Intermax para levar a banda larga ao noso rural?
-A tecnoloxía que estamos a utilizar en este momento nas redes de acceso e o sistema WiMAX e Wi-Fi mediante o protocolo 802.11n cunha velocidade de ata 300 Mbps por usuario. Actualmente estamos a probar equipamento baixo o novo estándar 802.11ac con rendementos por usuario de ata 2 Xbps, contamos que esta tecnoloxía estea despregada en máis do 50% da nosa rede a finais de 2013. Unha das nosas grandes bazas é o trato personalizado ao cliente tentando ofrecerlle sempre a solución que mellor lle acaia as súas necesidades. Procuramos manter sempre unha política de atención rápida e de calidade cun call-center 24 horas en galego. Formamos e incorporamos técnicos e comerciais locais que coa súa proximidade fidelizan clientes dunha zona. Na parte técnica empregamos redes con capacidades moi superiores as que están despregadas, con capacidades de como mínimo 10 Mbps, na maior parte das zonas ata 300 Mbps. Estas redes contan cunha alta capilaridade en moitos concellos superamos os 6 repetidores e chegamos o 100% da poboación.
-Que condicións de acceso subministrades, en cuestión de velocidades e prezos?
-As tarifas que ofrecemos mediante tecnoloxía WiMAX van dende os 2 megas de velocidade ata os 20 megas con prezos dende 30,17€ (sen I.V.E.) o mes, tratándose dunha tarifa plana sen limite de descarga. Cun custe de alta e instalación de 75.05€ (sen I.V.E.) Tratándose de Internet vía satélite prestamos servizos de entre 2 megas e 18 megas full de velocidade con prezos dende 25€ (sen I.V.E.) o mes. Cun custe de alta de 95€ (sen I.V.E.) A maiores, a todos aqueles clientes que teñan contratado servizo de Internet con Intermax ofrecémoslles a posibilidade de ter tamén servizo de teléfono fixo por tan só 8,50€ (sen I.V.E.) o mes, tarifa na que se inclúen cota de liña e 300 minutos en chamadas a fixos nacionais.
-Recentemente presentou Intermax o servizo de baixo custe Nexus Fiber Optics, unha solución de acceso con conexións simétricas garantidas ao 100% e achegadas mediante fibra óptica. Como vai o espallamento desta solución? Que destacariades dela?
-O servizo profesional de acceso de alta capacidade Nexus Fiber Optics xa conta con mais de 30 clientes conectados a velocidades de 1 Xbps principalmente operadores, grandes empresas e administracións. Estamos instalando estas redes en edificios de cidades neste caso co fin de ofrecer un servizo destinado a particulares alta velocidade e baixo custe.
-Por que é tan importante para vós levar a banda larga ao medio rural galego?
-Dende os comezos decatámonos das necesidades de conexión do rural, as galegas e os galegos precisaban accesos a Internet de calidade, existía unha gran demanda. Facilitamos a vida de particulares, tamén permitimos que os autónomos e as empresas dinamicen os seus negocios incorporando as vantaxes competitivas que ofrece a Rede. Aínda que nos pareza que ter servizo de Internet no teu lugar de traballo ou residencia é algo normal e estendido, aínda existen moitos problemas na nosa comunidade. O noso obxectivo é universalizar estes servizos, que todos teñamos as mesmas oportunidades sen movernos do noso fermoso medio rural.

PUBLICIDADE