Investigadoras da UVigo traballan en aplicar tecnoloxías de voz na detección da depresión

xoves, 3 de setembro do 2015 Redacción

O Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) da Universidade de Vigo presentou estes días as características dun sistema que sería quen de detectar doenzas relacionadas coa depresión a través de tecnoloxías de voz. O proxecto, que ten a súa raizame na tese de doutoramento da investigadora Paula López (GTM), amosa un amplo potencial no tratamento das ditas enfermidades, cada vez máis presente na nosa sociedade (ou máis diagnosticada), e tamén no coñecemento das mesmas.
Lembrar que o grupo GTM é un equipo centrado en tecnoloxías da fala, procesado de imaxe e visión artificial. Está liderado pola catedrática Carmen García Mateo (co-directora da tese xunto a Laura Docio) e foi catalogado dende o ano 2007 como Grupo de Referencia Competitiva pola Xunta de Galicia. Segundo fan saber, o uso de recursos da voz para afondar no noso estado emocional é un eido de traballo de gran proxección e de amplas posibilidades para (por exemplo) a posta en marcha de estudos de mercado, o deseño de videoxogos ou as optimizacións das interfaces que establecen comunicación entre as persoas e as máquinas. O estudo das doenzas e trastornos mentais é outro dos grandes nichos de actividade, non só a depresión senón tamén enfermidades de índole máis neurolóxica como párkinson ou alzhéimer.
Volvendo á tese de doutoramento de Paula López, sinalar que tamén se centrou en realizar unha análise detallada das mellores técnicas para detectar de xeito integramente automático quen está a falar en cada intre nunha gravación de audio, o que se coñece como segmentación de locutores. Segundo conta, “cada día que pasa aumenta o número de contidos multimedia existentes e estes contidos deben estar etiquetados para o seu acceso, pois este é o único xeito de facilitar a súa localización”. A investigadora tamén salienta que “aínda queda moito traballo para poder aproveitar ao cen por cen o potencial destas tecnoloxías, xa que os métodos existentes non son todo o perfectos que deberan ser, malia a cantidade de horas de traballo que se aforran usando estas técnicas automáticas”.
Paula López recorda que detectar de xeito automático quen fala nun rexistro sonoro ou que é o que di, “abriría marxe para que os buscadores de Internet fixeran buscas sobre audio, podéndose indexar contidos multimedia nos que se fale dun tema determinado ou nos que apareza un falante que nos interese”.

PUBLICIDADE