Investigadores da UVigo crean tecnoloxías para crear buques autónomos e robotizados

mércores, 25 de maio do 2016 Redacción

A nosa costa estaba aí, dándonos vida e recursos, e só tiñamos que envorcar nela boa parte do noso pulo innovador. Dun tempo a esta parte, este pulo innovador reverte intensidade. Se hai uns días falamos dos inmellorábeis vimbios cos que parte Smarnet (tecnoloxías intelixentes para a nosa pesca e navegación), e tamén das importantes potencialidades de iSEAS (tecnoloxías de análise e cálculo para rendibilizar traballos pesqueiros), agora é a quenda de presentarmos un proxecto que vai converter o noso litoral, logo do verán, nun eido de experimentación para un prototipo de barco autónomo robotizado. Un buque que ademais, polas súas características, “é pioneiro no mundo”. A iniciativa vén da man de Industrias Ferri (promotor principal), a Universidade de Vigo e o CIMNE, Centro Internacional de Métodos Numéricos en Enxeñaría. O proxecto chámase Ulises e un dos seus grandes obxectivos é achegar os recursos precisos para que poidamos converter calquera embarcación nun barco que navegue sen tripulación.
Ulises conta cun orzamento global de 1.581.000 euros. O proxecto arrancou en 2014 e rematarase en 2017 e forma parte do Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Orientada aos Retos da Sociedade. Segundo reflicte a UVigo, o prototipo xa está a punto e o que fica pendente agora, principalmente, é “integrar nel toda a tecnoloxía para que nos vindeiros meses se faga a a botadura inaugural”. Logo será a quenda de optimizar os sistemas.

Os membros do Grupo de Deseño e Automatización de Sistemas Avanzados (DASA)

Por parte da Universidade de Vigo, están implicados neste proxecto cinco investigadores do Grupo de Deseño e Automatización de Sistemas Avanzados (DASA), liderado polo profesor Fernando Vázquez. Segundo fai saber o Grupo, “a finalidade de Ulises non é prototipar un barco, senón unha tecnoloxía que pode ser habilitada e aplicada en calquera embarcación, non fai falta construír unha ad hoc, pódese adaptar calquera, dende un petroleiro até unha lancha”. Polo tanto, de querer un cliente automatizar o seu buque, “aplicaríase nel a tecnoloxía deseñada ao abeiro do proxecto, sensorizándoo e instalando un equipo a bordo, realizando unha tarefa completa de integración”.
O Grupo explica que o barco autónomo conta cun láser en 3D semellante ao que emprega o coche de Google para recoñecer a contorna e evitar obstáculos e está integrado con cartas náuticas para ter o perfil da costa e de toda a súa contorna. Inclúe un sistema un sistema de posicionamento avanzado, unha tecnoloxía de cálculo de rutas; un sistema de seguimento e máis outro recurso de navegación reactiva que permite reaccionar ante obstáculos inesperados como un barco en ruta ou unha batea, entre outros equipamentos innovadores.
Segundo engade o Grupo, o máis avanzado do barco, aquilo no máis marca diferenzas con respecto ao xa desenvolvido neste eido, son dúas cousas ben definidas: por unha banda o sistema de cálculo de rutas e, por outra, o sistema de navegación que cumpre o RIPA, Regulamento Internacional de Prevención de Abordaxes.
Ulises, informa a UVigo, é “a culminación” dunha liña de investigación que o grupo DASA vén desenvolvendo dende 2004, cando comezaron a traballar en automatización naval, tanto no eido da robótica como no posicionamento dinámico, unha liña de investigación dirixida a permitir aos buques manter a súa posición no mar nun punto e nunha orientación determinada, sen depender das mareas.

PUBLICIDADE