Investigadores galegos esixen máis apoio público á I+D na nosa terra

mércores, 15 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Unha boa parte dos investigadores galegos está estes días en pé de loita polo que consideran un ataque directo contra a súa profesión e, por extensión, contra as opcións de medre da nosa sociedade e a nosa economía. Segundo fan saber Precarios-Galicia, a asociación Parga Pondal e a Federación de Investigadores FJI/Precarios, neste intre o tecido de I+D+i galego está en perigo desmantelamento. Tendo en conta este punto, xa moveron ficha para pedirlle apoio á sociedade co fin de manter viva a nosa capacidade de innovación e, polo tanto, as nosas posibilidades de afianzármonos entre os países con meirande calidade de vida.
A xuízo desta fronte común, o motivo de preocupación está sobre todo na redución no número de prazas para investigadores que se anuncia para a nosa comunidade, situándose en 15 para o presente ano. En opinión da devandita plataforma, os centros de investigación de Galicia dependen en gran medida, para a continuidade do seu labor, dos contratos e bolsas que a Xunta de Galicia saca a concurso público cada ano e que van destinados aos investigadores noveles nas primeiras etapas da súa carreira e persoal técnico. Segundo fan saber, a investigación precisa máis apoio do que se lle está a dedicar, menos cartos en promoción e publicidade interna, e máis contratos para mozas e mozos que desexen comezar unha carreira científica.
Precarios-Galicia non comprende como, no actual contexto, o Goberno da Xunta segue “sen ter claro que facer coa I+D+i galega”, informan, “sobre todo tendo en conta que o actual plan director en materia de investigación (INCITE) remata este ano 2010”. A maiores, protestan por que non se estea a ver á investigación galega coma unha receita de futuro contra a crise económica, cando países como Alemaña están a resistir este parón produtivo grazas precisamente a un incremento dos orzamentos en I+D. Con estes e outros motivos, a plataforma de investigadores convocou unha concentración para este xoves 16 en Santiago de Compostela, ás 12.00 horas en San Caetano.

PUBLICIDADE