Irrompe no mercado a primeira cooperativa de telefonía: Eticom-Som Connexió

martes, 22 de abril do 2014 Redacción

Unha das asembleas da nova cooperativa con raizame en Catalunya

Consumir de maneira xusta, así se podería resumir a esencia dunha nova xanela que se abre no eido da telefonía e a conexión a Internet. Estamos a falar da primeira cooperativa de telefonía en España que chega baixo o nome de Eticom-Som Conmexió. Para facérmonos unha idea: con algo máis dun mes de existencia, xa son máis de 330 os socios desta proposta e, en dúas semanas, levan recibidas 85 solicitudes para instalar o servizo en particulares e seis de persoas xurídicas.
Eticom-Som Connexió defínese como unha idea que “se integra dentro do eido da economía social e solidaria. Somos unha cooperativa sen arela de lucro, de construción participativa e comunitaria”. O que queremos é ir cambiando o mundo paseniño, dende abaixo”, afirmaba Mercé Botella, parte do Consello Reitor da cooperativa. Esta integra varias persoas procedentes de entidades da economía social que tomaron como modelo a seguir Som Energía, unha cooperativa de enerxías renovábeis, que en tres anos ten case 14.000 socios e xestiona 13.577 contratos de luz.
E como ser socio? Pois é preciso poñer inicialmente un capital de 100 euros, tendo logo a opción de até cinco contratos de liñas diferentes.
Unha PEME de Euskadi -Nubiq- vén de converterse no seu socio tecnolóxico (dito doutro xeito: quen achega os servizos), tendo a intención de ser adquirida nun futuro pola cooperativa.
En canto ás infraestruturas, alúganllas a Orange. Mercáronlle un paquete pechado de minutos e datos; a partir de aí van achegando os seus propios servizos adaptados ás necesidades dos socios. “Unha conexión a internet dun xiga custa 25 euros”, indicaba Botella.
A xeito de curiosidade dicir que os pequenos concellos xa amosaron o seu interese por esta idea, mais son sobre todo os particulares os principais obxectivos, tendo en mente que estas infraestruturas poidan ser empregadas por máis xente, sendo posíbel unha explotación polo ben común, segundo verbas de Mercé Botella.

PUBLICIDADE