Itelsis faise con participacións en dúas importantes empresas do sector TIC

luns, 23 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Stand de Itelsis na pasada edición de IBC

A empresa galega Itelsis, emprazada no Polígono do Tambre de Santiago e especializada nas telecomunicacións máis innovadoras, vén de subir un novo chanzo no seu plan estratéxico para a diversificación da súa actividade e o reforzamento da súa presenza nos mercados. Máis polo miúdo e segundo informa a propia firma, este novo paso materialízase na adquisición de participacións en dúas empresas do sector, Silenus e Proinfo, “caracterizadas ámbalas polo seu perfil dinámico, valor engadido nas súas tarefas e alto grao de especialización”.
Silenus Consultoría, con sede na Coruña, é unha empresa centrada na achega de servizos profesionais ligados ás novas tecnoloxías da información e a comunicación. Tal e como vén demostrando na súa actividade de mercado, emprega a tecnoloxía como panca de cambio para a mellora dos procesos das empresas e co obxectivo de facer medrar a súa produtividade e tamén a súa competitividade.
Proinfo, pola súa parte, é unha firma de servizos cunha longa traxectoria no despregue e no mantemento de redes de telecomunicacións de fibra óptica, cable estruturado, sen fíos, etc.
A maiores destas actuacións, Itelsis informa da posta en marcha dunha nova iniciativa no sector das enerxías renovábeis e respectuosas co medio ambiente. Máis en detalle, trátase dun proxecto desenvolvido con outros socios do sector enerxético materializado nunha start-up, Smart Green Labs, que fornecerá ás firmas ligadas ao medio ambiente de modernas e eficaces tecnoloxías de comunicación, xestión e promoción.

PUBLICIDADE