Jon Torrado é o novo co-conselleiro delegado de GamersWalk

xoves, 11 de maio do 2017 Redacción

Rafael Fernández, Manuel Alexandre Rivas, Alberto Lamas, Juan Carlos Barros (de pé) e Jon Torrado

GamersWalk, a innovadora plataforma de eSports nacida en Galicia, continúa en plena expansión e o seu consello de administración vén de nomear a Jon Torrado como novo co-conselleiro delegado da empresa. O até hoxe CTO da compañía manterá as súas funcións de carácter técnico, do mesmo xeito que Manuel Alexandre Rivas, o outro co-conselleiro delegado encargado da área de deseño.
Jon Torrado, enxeñeiro informático con máis de dez anos de experiencia en xestión de equipos e no ámbito dos eSports, aposta polo crecemento da plataforma e a súa internacionalización. «Estamos a traballar de forma eficaz, creando valor cada día, implantando novas melloras para a usabilidade da plataforma e a acollida que estamos a ter entre os usuarios está a ser moi positiva», salienta Torrado. Durante as vindeiras semanas introduciranse melloras que complementarán un produto que conecta directamente aos usuarios cos seus streamers e eventos favoritos para dar un valor engadido á súa experiencia.
En apenas catro meses, GamersWalk conseguiu superar os 50.000 usuarios, un fito sen precedentes no mercado español. Actualmente, está en pleno auxe e os datos solicitados nos seus primeiros meses de vida superan con fartura os obxectivos marcados ao comezo da súa versión 1.0, lanzada en decembro. «A día de hoxe estamos a crecer a un ritmo constante de practicamente 500 usuarios diarios, o que dá unha idea do gran crecemento que estamos a experimentar», desvela Jon Torrado. Ademais, a plataforma suma máis de 100 streamers que apostan polo sistema interactivo para dar un valor engadido ás súas retransmisións e superar as barreiras que antes existían na canle comunicativo coa súa audiencia.
Despois da recente entrada do fundador de Carbures, Rafael Contreras, a plataforma de deportes electrónicos supera os 1,8 millóns de euros de investimento en apenas dous anos de vida. Con base en Galcia a plataforma conta cun equipo de máis de 30 expertos que traballan para perfeccionar unha plataforma única que xa rexistra picos de audiencia de máis de 4.500 usuarios simultáneos nun mesmo streaming.

PUBLICIDADE