José María López Bourio, reelixido presidente de AGESTIC

venres, 2 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

López Bourio durante a presentación compostelá de TTT Social Center

José María López Bourio, presidente da Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), repetirá ao fronte da entidade ao longo dos vindeiros catro anos. Así nolo fixo saber este venres dende Lugo a asemblea xeral electoral da asociación, que confirma con esta reelección a vontade de “seguir traballando a prol da potenciación dos servizos de asesoramento no pulo a proxectos e no apoio a emprendedores”. A maiores, buscarase incrementar dende a sede de AGESTIC en Lugo a colaboración dos seus técnicos coas organizacións empresariais da provincia, co fin de acadar un obxectivo duplo. Ou sexa, co fin de crear novas empresas con alicerce TIC e máis incrementar a actividade da demanda dos servizos tecnolóxicos na contorna.
O novo mandato de Bourio, explicou durante a celebración da asemblea, pasará por afianzar e executar en 2012 unha serie de importantes proxectos concretos. Dun destes tres proxectos, sen ir máis lonxe, xa falamos recentemente en Código Cero, e trátase de Destino Emprego, posto en marcha para facilitar a inserción laboral e a igualdade das mulleres galegas no emprego das redes e ferramentas da información.
Ao longo deste ano tamén se afondará no proxecto NACCE, froito da colaboración co Norte de Portugal e co obxectivo de favorecer a saída ao mercado de novas empresas TIC de ámbalas beiras do Miño. Con este proxecto achégase apoio, formación, titorización, información de canles de financiamento, axudas para saír ao exterior e para pór en marcha unha iniciativa TIC de mercado, etc.
No transcurso da asemblea, Bourio destacou “o importante papel das tecnoloxías da información, nun mundo dixital para a mellora competitiva do resto dos sectores produtivos nun ambiente de grave crise económica, no que os empresarios farán ben apostar polas TIC e Internet para afianzárense e gañar posición nos mercados”. Ao seu xuízo, o sector tecnolóxico-dixital galega retrocede un chisco no que se refire a facturación, pero é quen de manter o emprego.

PUBLICIDADE