Just Eat merca La Nevera Roja

venres, 5 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Tras varios rumores previos, finalmente Rocket Internet e Foodpanda anuncian a venda a Just Eat por 125 millóns de euros das compañías de pedidos de comida a domicilio La Nevera Roja (España), PizzaBo (Italia) e Hellofood (Italia, Brasil e México), operación que pecharase ao remate do segundo trimestre do ano (que no caso español está suxeita á aprobación da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia).
Deste xeito, Just Eat consolida a súa posición no mercado do servizo de comida a domicilio, no que é líder en varios países. En España estímase que este sector move uns 6 millóns de pedidos, dos que 4 sería a través de Just Eat e 2 a través de La Nevera Roja, polo que a operación de compra reforzaría o papel de Just Eat no noso territorio (onde xa mercara Sin Delantal en 2012 e Food2U en 2015).
Ao parecer, Rocket Internet estaría a vender La Nevera Roja perdendo cartos, xa que mercara a compañía o ano pasado por 80 millóns de euros, xusto cando estaba no seu apoxeo, e dado que nos últimos meses perdeu pulo facilitou unha adquisición vantaxosa por parte do seu principal competidor.

PUBLICIDADE