Kickstarter supera a barreira dos 100.000 proxectos financiados

martes, 9 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Até hai pouco o micromecenado era un xeito de captar fondos para distintos proxectos a través de amigos e coñecidos, que se facía de xeito presencial, pero coa chegada de plataformas como Kickstarter converteuse en todo un fenómeno que fixo que nos últimos anos vesen a luz consolas como a OUYA, smartwatches como o Pebble Time, películas como a de Veronica Mars e xogos de naipes como Exploding Kittens, así como numerosos proxectos artísticos que doutros xeitos dificilmente verían a luz, e dende Kickstarter queren facer balance da súa traxectoria agora que superan os 100.000 proxectos financiados en menos de 7 anos.
Temos así que Kickstarter presume agora de ter xa 165 categorías para os seus proxectos, destaca que o último cento de proxectos financiados conseguiron o éxito en só 3 días, acumula 9.088.422 mecenas entre todos os seus proxectos, 15 dos álbums musicais financiados en Kickstarter optaron a un premio Grammy (e 4 creadores conseguírono) e 11 filmes financiados en Kickstarter foron nomeados aos Oscars (gañándoo 1). Toda unha historia de éxitos que probablemente non terían visto a luz de non ser polo potencial do financiamento colectivo a través da Internet.

En Kickstarter podemos atopar numerosos proxectos tecnolóxicos entre os que incluso hai algún galego

PUBLICIDADE