KingSing W8, o tablet con Windows por só 99 dólares

martes, 29 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Grazas a que Microsoft non cobrará a licenza de Windows a equipos con pantallas de pequeno tamaño, espérase a chegada de tablets e portátiles a prezos moi económicos no outono, pero as empresas asiáticas xa están a anticiparse, e ao igual que o mes pasado soubemos do tablet Emdoor EM-I8080, que prevé venderse a un prezo de 100 euros, agora sabemos do KingSing W8, que cun prezo de 99 dólares podería ser o tablet con Windows 8.1 máis barato do mundo.
O KingSing W8 ten unha pantalla IPS de 8 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, procesador Intel de catro núcleos a 1,8 GHZ con gráfica Intel HD, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas SDHC/SDXC, cámaras frontal e traseira de 2 Mpíxeles,Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, 3G, batería de 4.500 mAh (o que permitiría unha autonomía de entre 6 e 8 horas) e un grosor de 10 milímetros.
Aínda que estamos ante un dispositivo cunhas especificacións demasiado cinguidas ao mínimo preciso para poder correr o sistema operativo de Microsoft, pode servir para usuarios básicos que queiran gozar dun tablet capaz de funcionar como un ordenador completo para, por exemplo, labores de produtividade (podendo incluso funcionar con practicamente todas as impresoras do mercado) ou para poder desenvolver tarefas máis propias dun equipo de escritorio para as que non hai software para tablets Android, que parecen ser os rivais a bater con este trebello.

Pese ao seu limitado hardware, o KingSing W8 é capaz de correr Windows 8.1

PUBLICIDADE