LG comeza a comercializar o seu televisor curvo de 105 polgadas

martes, 29 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Os produtos que se ven nas feiras de electrónica de consumo en moitas ocasións tardan en chegar ao mercado, e tras presentarse no Consumer Electronics Show (CES) de Las Vegas o pasado mes de xaneiro, finalmente é posible encargar en Corea do Sur o novo televisor curvo de ultra alta definición de LG que ten unha diagonal de 105 polgadas.
Estamos ante un impresionante televisor en formato CinemaScope (21:9) cunha pantalla de 5.120 x 2.160 píxeles, que ao ter certa curvatura consegue unha sensación de inmersión mellorada. O seu panel IPS consegue unha boa calidade de imaxe, ao que tamén axuda a súa tecnoloxía de sobre-escalado, para que os contidos que aínda non están adaptados á ultra alta definición poidan verse de xeito aceptable.
Este televisor sería o máis semellante a meter unha pantalla de cine nun salón doméstico, para o que LG tamén conta cun sistema de altofalantes 7.2 de 150W (desenvolvidos en colaboración con Harman Kardon). A pantalla integra tanto a tecnoloxía 3D que LG inclúe habitualmente nos seus televisores (que permite o uso das lentes que habitualmente se empregan nas salas cinematográficas comerciais) así como tecnoloxía de Smart TV (baseada en webOS), polo que estamos ante un produto de moi alta gama (véndese por 120 millóns de wons, ou sexa, 87.083 euros) que é de agardar que chegue ao mercado europeo no último trimestre do ano.

PUBLICIDADE