LG presenta dúas variantes do LG G4

martes, 19 de maio do 2015 Marcus Fernández

Está claro que o LG G4 non é un smartphone para calquera usuario, e para adaptalo a un público cada vez máis amplo LG presentou un par de variantes do dispositivo realmente interesantes, como son o LG G4 Stylus e o LG G4s, que comezarán a comercializarse este mesmo mes e compartirán moitas das prestacións do LG G4.
O LG G4 Stylus destaca por ter unha pantalla de maior tamaño que o terminal insignia do fabricante surcoreano, chegando ás 5,7 polgadas, co que buscan conseguir un mellor uso do seu lapis dixitalizador Rubberdium, que permite tomar anotacións sobre a súa pantalla. En contraste, o LG G4c opta por unha pantalla máis cativa, e confórmase con quedar nas 5 polgadas e resolución Full HD. De feito, ambos terminais foxen dos 538 puntos por polgada do LG G4, e confórmanse con pantallas Full HD (de xeito que o modelo de 5,7 polgada tería 258 puntos por polgada e o de 5 polgadas chegaría até os 294 puntos por polgada).
O LG G4 Stylus chegaría en dúas versións segundo o mercado, de xeito que o modelo LTE funcionaría cun procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, mentres que a versión 3G tería un procesador de 8 núcleos a 1,4 GHz. O terminal funciona con 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), cámara traseira de 13 ou 8 Mpíxeles (segundo falemos do modelo LTE ou 3G), cámara frontal de 5 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, NFC, USB 2.0, batería de 3.000 mAh, un grosor de 9,6 milímetros e un peso de 163 gramos, ou sexa, que sería un dispositivos bastante potente, que aínda que está afastado do tope de gama do G4, ofrece unha boa experiencia de uso e unhas prestacións o suficientemente diferentes como para facelo atractivo. Estará dispoñible con carcasa en cor prata metálico ou branco floral.
O LG G4c pola súa banda busca achegar aos usuarios que consideran que unha pantalla de 5,5 polgadas é demasiado grande, polo que confórmase cun panel IPS de 5 polgdas. Funciona cun procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, NFC, USB 2.0, batería de 2.540 mAh, un grosor de 10,2 milímetros e 136 gramos. Poderase mercar en cor gris metálico, branco cerámico ou dourado brillante.

O novos smartphones chegarán en distintas cores de carcasa

PUBLICIDADE