LG presenta paneis LCD cun marco de só 0,7 milímetros

xoves, 30 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos meses estamos a ver smartphones con pantallas cada vez máis grandes, pero o seu tamaño medra a un ritmo máis lento grazas a que cada vez conseguen uns marcos máis reducidos, e dende LG anuncian agora un novo panel LCD Full HD de 5,3 polgadas que ten un marco de só 0,7 milímetros, o que case fai desaparecer o marco da pantalla, permitindo ao usuario gozar dunha pantalla cunha grande superficie á vez que contén o ancho do terminal para conseguir un agarre firme e cómodo.
Para facernos unha idea do reducido que son os marcos laterais deste novo panel LCD de LG podemos lembrar que as tarxetas de crédito teñen un grosor de 0,8 milímetros. Para facer isto posible LG Display empregou un módulo con tecnoloxía de procesamento Neo Edge que usa adhesivo en vez de cinta de dobre capa para selar os bordes da circuitería e a unidade de retroiluminación. Aparte de permitir reducir o ancho do marco, esta solución tamén limita as fugas de luz e é resistente á auga e ao po, e incluso incrementa a lonxevidade do panel ao previr a corrosión.
O novo panel comezará a producirse en novembro, agardándose que as primeiras unidades rematen en terminais comercializados en China, onde os smartphones con grandes pantallas teñen unha maior demanda.

PUBLICIDADE