LIGNUx celebra en Ourense un completo achegamento ao software e hardware libres

luns, 30 de novembro do 2015 Redacción

A cultura debería estar sempre ao alcance de todo o mundo. No tempo presente a cultura é sinónimo de tecnoloxía e indo pouco máis alá, de software e hardware. Para que o coñecemento chegue a todos os recunchos (sen clasismos, nin distincións de ningún tipo) traballan asociacións como LIGNUx, que vén de anunciar as II Xornadas de achegamento teórico-practico ao software e hardware libre no ámbito socioeducativo, que se desenvolven os vindeiros días 2 e 3 de decembro, coa colaboración da Asociación Pedagóxica e Cultural Educere e coa axuda da Universidade de Vigo (Vicerreitoría do Campus de Ourense, Escola Superior de Enxeñería Informática e a Facultade de Ciencias da Educación).
E que se persegue con este encontro? Pois contribuír ao achegamento da cultura libre aos asistentes, a través de relatorios sobre software e hardware libre, sempre cunha orientación socioeducativa.
As xornadas celebraranse no Edificio de Facultades, Universidade de Vigo, Campus de Ourense en horario de tarde de 18:30 a 21:00 horas. O mércores 2 de decembro celebrarase na aula 0.9 no andar baixo e o día 3 de decembro na aula 1.5 do primeiro andar.
As ditas xornadas son abertas ao público en xeral e de balde, sendo tan só preciso inscribirse previamente a través do formulario habilitado ao respecto, para o control do aforo.
A continuación damos conta do programa dos encontros.
Mércores 2 de decembro
· Conferencia de Juan Pombo, especialista en electrónica e computación e socio fundador da empresa ROBIMAT SC, adicada ao desenvolvemento de software e solucións de automatización robótica. A súa intervención dividirase en dúas partes: Unha adicada ao software libre (reseña histórica e aplicacións do ámbito socioeducativo) e outra adicada ao hardware libre e robótica; con demostración en vivo!!
Xoves 3 de decembro
· Charla de Pablo Castro, secretario adxunto de GPUL que fará unha breve introdución ao mundo do software, hardware e cultura libre, animando a contribuír en proxectos, asociacións, etc.
· Obradoiro de software libre. Dividirase en dúas partes: Entregaranse DVDs con programas libres, sistemas operativos Gnu Linux e manuais. A continuación, na primeira parte do obradoiro os relatores explicarán o contido do DVD así como as instrucións de instalación e funcionamento dos programas recollidos nel. Traballo autónomo dos asistentes ao curso instalando o material subministrado. Nesta parte os asistentes contarán coa axuda individualizada dos relatores: Pablo Castro, membros da Asociación LiGNUx e varios enxeñeiros informáticos.

PUBLICIDADE