Lanzada unha app para evitar que estraguemos tempo na procura de sitios turísticos: mimAPPa

martes, 22 de xullo do 2014 Redacción

Calquera que camiñase por Santiago, por calquera dos seus barrios e a calquera hora, tivo por forza que ser obxecto algunha vez da seguinte pregunta: Por onde fica a Catedral? Cóntanse por centos os turistas que camiñan por Compostela adiante dando voltas na procura do dito monumento, ao igual que tamén se contan por centos os que pretenden levar o seu coche ao Obradoiro (se se puidera aparcar alí, a praza estaría ateigada de automóbiles). Ben, isto vén a conto porque cada vez queremos ser máis eficaces nas nosas visitas a outras vilas e cidades, e é unha molestia estragar tempo, perderse e ter que preguntar. Para isto, e para reducir ao mínimo a cantidade de xente extraviada preguntando dende o coche onde queda este sitio ou aquel, as emprendedoras asturianas Carmen García e Verónica Casado desenvolveron mimAPPa, unha aplicación para localizarmos lugares de interese de maneira rápida.
A principal motivación de Carmen e Verónica á hora de pór en marcha este desenvolvemento foi a de achegar utilidade para os viaxeiros e, ademais, ampliar as súas posibilidades reais de gozar do tempo de lecer. Ou sexa, ceibalos da carga de ter que empregar tempo e esforzos en atopar unha paraxe ou un monumento determinado. “En ocasións”, sinalan, “optamos por acudir aos puntos de información de cada localidade, nos que achegan unha infinidade de mapas e folletos publicitarios, ou por buscar en Internet os lugares máis característicos dunha zona entre os miles de resultados valorados de forma subxectiva polos usuarios”. Porén, o problema segue a ser como chegar e como localizar eses lugares de xeito doado e rápido. “Trátase de que o turista invista todo o tempo que perde en buscar actividades para as súas vacacións en tempo libre de desconexión e descanso”, engaden Carmen e Verónica.
Por certo que a súa aplicación abrangue sitios de interese dun bo número de cidades españolas, entre as que se contan as máis visitadas (Barcelona, Madrid, Sevilla ou Toledo) e as principais urbes de Asturias, Galicia, Cantabria ou Euskadi. A idea é seguir avanzando para dar, “a ritmo veloz”, cobertura a toda a xeografía estatal. A ferramenta, din, “facilita en tan só dous pasos a información requirida polo usuario, entre a que destacan puntos de interese como monumentos, restaurantes, museos ou actividades de turismo activo, ademais de distintos recursos como hoteis, taxis, gasolineiras, centros de saúde ou aparcamentos, entre outros”.

PUBLICIDADE