Lenovo xa vende máis smartphones que ordenadores

xoves, 14 de agosto do 2014 Marcus Fernández

O fabricante chinés Lenovo publicou os seus resultados económicos para o trimestre fiscal que remata o 30 de xuño, e non só rexistrou un crecemento interanual do 18% en ingresos (que suman 10.400 millóns de dólares) e do 23% nos seus beneficios netos (sumando 214 millóns de dólares), senón que tamén destaca polo crecemento da súa división de dispositivos móbiles, que incrementou un 28% o número de trebellos colocados no mercado, conseguindo converterse no terceiro maior vendedor de tablets (con 2,3 millóns de unidades) e superando os 15,8 millóns de móbiles vendidos, de xeito que, por primeira vez na historia da compañía, vendería máis smartphones que ordenadores persoais.
Temos que lembrar que Lenovo que colleu o relevo a IBM na fabricación de ordenadores e que fíxose hai pouco coa marca Motorola, consolidándose como un fabricante global, aínda que o seu principal mercado continúa a ser o asiático, correspondendo o 36% das súas vendas a China.
Pese ao impresionante crecemento no sector móbil, o 49% dos ingresos de Lenovo continúan correspondendo á venda de ordenadores portátiles, sector no que consegue unha cota de mercado do 21%. En ordenadores de sobremesa a compañía continúa a ser líder mundial, dominando o 17,5% do mercado.

PUBLICIDADE