Liberado o Dicionario da Pronuncia da Lingua Galega

luns, 5 de outubro do 2015 Redacción

O Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega está a disposición dos internautas no Repositorio de Software Libre da Xunta, ou sexa cen por cen accesíbel e en formato aberto (poderá ser reutilizado por calquera persoa ou empresa que queira crear ferramentas sobre o alicerce do dicionario). Trátase dun recurso tecnolóxico-lingüístico dotado con máis de 66.000 ficheiros sonoros destinado a facilitar o coñecemento da nosa lingua na vertente oral.
O dicionario, que xa estaba ao alcance da nosa man na web do Instituto da Lingua Galega (ILG), foi ceibado agora pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co devandito instituto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Unha das súas principais funcionalidades é que permite que calquera falante que dubide sobre a pronuncia dunha palabra galega estea en disposición de escribila e de poder ver a transcrición fonética, así como escoitar a pronunciación desa palabra. Este recurso tamén está integrado no Dicionario da Real Academia Galega, no que é posible consultar a pronuncia de calquera das palabras nel recollidas.
Segundo informan AMTEGA e o ILG, o dicionario ofrece un modelo de pronuncia da lingua galega, na súa variedade estándar, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala. As dúas entidades coinciden en salientar o “interese lingüístico desta ferramenta e os posíbeis usos que podería ter para o emprego, por exemplo, no desenvolvemento de ferramentas de aprendizaxe do idioma”. Esta potencialidade é o que as animou a colaborar para liberar o dicionario, un recurso que, como dixemos, fornece un total de 66.714 ficheiros de son en formato aberto ogg. Ademais de léxico común, incluíndo as voces máis recentes do dicionario da Real Academia Galega, abrangue tamén mil nomes propios de persoas, 1.500 apelidos e os nomes dos concellos, comarcas e parroquias do país, así como varios centos de nomes de ríos, montes e accidentes costeiros.
Recordar que este material foi elaborado a través dunha colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a USC, por medio do ILG, e contou coa colaboración da Radio Galega.
A base de datos do dicionario de pronuncia está dispoñíbel no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia. Todos os ficheiros publícanse na páxina do proxecto baixo a licenza Creative Commons Atribución-CompartirIgual 4.0 Internacional.

PUBLICIDADE