LibreCon 2016 amosará como cambiar o mundo industrial con software libre
luns, 26 de setembro do 2016
Xa comezou a conta atrás
para o que se prevé, en palabras da organización do encontro, “o
maior evento de tecnoloxías aberta e de negocio”. Falamos de
LibreCon, que na
súa anterior edición celebrouse en Santiago e agora traslada a
súa sede temporal cara a Bilbao (entre o 22 e o 23 de novembro). O
evento vén da man das entidades ASOLIF (Federación Nacional de
Empresas de Software Libre) e ESLE (Asociación de Empresas de
Software Libre de Euskadi). Segundo apuntan, grazas a esta xuntanza
Bilbao será o escaparate das “solucións open source máis
vangardistas e os servizos máis innovadores”. Farase especial
fincapé nas posibilidades da programación aberta para o sector
industrial (Industria 4.0) e o financeiro.
LibreCon 2016, explican,
centrarase en dar visibilidade a solucións baseadas en tecnoloxías
abertas para os novos retos da dixitalización, como a conectividade,
a transformación dixital e a velocidade. “Deste xeito”, aclaran,
“os problemas aos que fan fronte as empresas convértense en
oportunidades de económicas, en novas vantaxes competitivas e mesmo
en xeradoras de riqueza e emprego”.
A
previsión é xuntar máis de 1.500 persoas e 600 empresas. O
programa do congreso abranguerá máis de 120 relatorios.
Haberá, dentro do marco
de LibreCon, unha serie de encontros nos que van participar os
membros da xunta directiva de ASOLIF (á súa vez representantes das
asociacións autonómicas ESLE, CESLA, Grupo Mixto e AGASOL, a
Asociación Galega de Empresas de Software Libre) e os
representantes de empresas asociadas, encontros nos que “poderán
establecer un diálogo aberto sobre intereses, beneficios de
pertencer a ASOLIF e plans de futuro”.
A pasada edición (a
quinta) de LibreCon foi organizada o ano pasado
por AGASOL, ASOLIF e o Cluster TIC Galicia e
tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.