Life360 Tile renova os seus rastrexadores Bluetooth
luns, 16 de setembro do 2024
A marca de rastrexadores Bluetooth de referencia, Tile, pasou a mans de Life360 hai tres anos, e por fin lanzan novos produtos dende a súa adquisición, renovando os produtos anteriores da marca.
Concretamente hai catro novos dispositivos da marca: o Tile Makte (rastrexador ideal para utilizar como chaveiro, cun alcance de 105 metros e unha batería cunha autonomía de até 3 anos que pode adquirirse a un prezo de 29,99 euros), o Tile Pro (versión máis grande do anterior, cun alcance de 150 metros, autonomía de até 1 ano e un prezo de venda de 39,99 euros), o Tile Slim (con formato de tarxeta bancaria, polo que resulta ideal para localizar billeteiras, ten un alcance de 105 metros, unha autonomíad e até 3 anos e un prezo que parte dos 34,99 euros) e o Tile Sticker (rastrexador de pequenas dimensións, con batería de até 3 anos de duración e un rango de até 75 metros, que pode adherirse a mandos a distancia, auriculares e outros obxectos que queiramos localizar facilmente, e ten un prezo de 29,99 euros).
Este produtos contan todos con resistencia IP68 e están tamén dispoñibles en diferentes lotes que poden supor un aforro significativo.
Os novos rastrexadores Life360 Tile, unha vez activados, poden aproveitarse tamén con dispositivos para lanzar avisos de emerxencia ou facer soar un teléfono ao premer tres veces seguidas o botón que teñen integrado.
A través da aplicación de Life360 é posible ver no mapa onde están os nosos rastrexadores, tamén podemos utilizar a aplicación para facer que se active a función de atopar dos rastrexadores (que emitirán son para facilitar a súa localización) e incluso podemos premer un par de veces o botón dun dos rastrexadores para que sexa o noso teléfono o que se escoite para facilitar a súa localización.
- O rastrexador máis cativo pode empregarse para localizar obxectos de uso cotián como auriculares ou mandos a distancia