Lugo celebra a Rede e máis a nosa cultura distribuíndo Galinux e celebrando obradoiros e exposicións

mércores, 13 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Luisa Zarzuela, concelleira de Servizos Xerais, durante a presentación das actividades

O Día de Internet, que na nosa terra cobra novos e interesantes significados ao coincidir coa celebración das nosas Letras, este domingo 17 de maio, está a atopa ao longo da xeografía do país interesantes propostas de seguimento. Como por exemplo as que vén de presentar a Concellería de Servizos Xerais de Lugo e que consisten, basicamente, en celebrar a Rede e máis a nosa cultura dun xeito que se certifique unha vez máis (por se alguén lle quedase dúbida ao respecto) as posibilidades mutuas de inclusión: dando a coñecer programas informáticos para acceder á era dixital feitos dende a nosa terra e na nosa lingua. O paquete básico de actividades do Día de Internet+Día das Letras, que se desenvolve sobre todo este xoves 14 de maio, consistirá na promoción de aplicativos libres (entre outras accións) entre os que se inclúe o sistema operativo Galinux. Para este fin e para achegar tamén un bo número de copias do programa, o Concello contará coa colaboración do Centro Mancomún, responsable do desenvolvemento do devandito sistema.
A idea, amais de proceder á distribución de exemplares (calcúlase que un milleiro), é a de favorecer a súa preinstalación nos equipos habilitados e, posteriormente, dar comezo a unha serie de obradoiros.
A cita, informa o Concello, terá lugar na planta baixa da Praza de Abastos de Lugo entre as dez da mañá e as oito do serán, horas nas que se sucederán os obradoiros previstos: Facebook, YouTube, Skype e Google
Ademais, haberá actividades paralelas como por exemplo a exposición A Historia de Internet, que constará de 16 paneis con imaxes e textos explicativos, desde os anos 50 ata a actualidade, narrando a historia da rede de redes a nivel mundial.
Por outra banda, haberá un espazo de lecer con dúas zonas de xogo e todos os participantes entrarán no sorteo dun computador. Segundo explica o propio Concello, o programa de actividades non só ficará cen por cen aberto a toda a cidadanía, senón que se fará todo o posible por saírlle ao paso. O obxectivo: que todas e todos poidan tirar o máximo rendemento das novas tecnoloxías. Por certo que esta campaña insírese dentro dunha iniciativa máis ampla Eu Conecto, que arrancará este día 14 para manterse activo até o vindeiro 30 de xuño por diferentes emprazamentos da cidade.
Eu Conecto, informa o Concello, desenvolverase en diferentes lugares do 15 de maio ata o 30 de xuño:
Do 18 ao 20 de maio: Praza de Abastos
Do 25 ao 29 de maio: Local social de Asociacións de veciños “Gatos Roxos” das Gándaras
Do 1 ao 5 de xuño: Local Social de Montirón
Do 8 ao 12 de xuño: Centro Sociocultural de Fingoi
Do 15 ao 19 de xuño: Centro Sociocultural A Milagrosa
Do 22 ao 26 de xuño: Centro Social Díaz Castro
Do 29 ao 30 de xuño: Local Social de Coeses

PUBLICIDADE