Lugo súmase á plataforma Tropa Verde

luns, 9 de xaneiro do 2017 Fernando Sarasketa

Tropa Verde, o servizo de raizame compostelá para fomentar a reciclaxe de aparellos de todo tipo (eléctricos, electrónicos, informáticos) e/ou o seu correcto tratamento, xa é unha realidade en Lugo con espazo en liña de seu, lugo.tropaverde.org. Así o fixeron saber os días pasados o concelleiro de Desenvolvemento Sustentábel, Daniel Piñeiro, a dinamizadora do servizo, Marta Morán e máis Marta Vázquez, directora comercial da empresa Teimas, responsábel do arrinque da iniciativa en Santiago, xunto co Concello compostelán. Segundo informaron, o obxectivo é compartido en ámbalas urbes galegas: téntase fomentar a reciclaxe e a concienciación ambiental entre a cidadanía, impulsando ao mesmo tempo o comercio local. Tamén lembraron que Tropa Verde é unha plataforma multimedia, accesíbel en tropaverde.org, onde podemos darnos de alto e trocar por premios os puntos que vaiamos obtendo con cada pequeno (pero grande) labor de reciclaxe persoal. Na vertente lucense da iniciativa colaboran o Concello, Teimas e Urbaser.
Segundo aclararon os seus responsábeis en rolda de prensa, a veciñanza que se rexistra no portal e realiza accións responsábeis medioambientalmente, obtén un cheque que debe introducir na web a fin de trocar os puntos recibidos por descontos e premios en establecementos locais de comercio e hostalaría. Durante a presentación, o edil fixo fincapé “no matiz de sensibilización desta campaña” para concienciar á poboación de a importancia de a reciclaxe, así como na recuperación e segundas vidas de refugallos eléctricos, electrónicos e informáticos, ao mesmo tempo que animou á cidadanía a participar e implicarse na axeitada xestión de residuos.
En Lugo a iniciativa conta de inicio co patrocinio de 59 establecementos que ofertan case 850 recompensas e descontos por un valor de case 6.000 euros. Ao punto limpo, como emisor destes cheques, súmanse ademais os centros de convivencia, que recollerán pilas e tapóns, e o Centro de Servizos Xerais do Concello.
Lembrar que Santiago de Compostela e Lugo son as dúas primeiras das cidades galegas en sumarse a Tropa Verde, ás que se engadirán en datas vindeiras os concellos de Ames, Porriño, Redondela e Sarria.

PUBLICIDADE