Marissa Mayer será a nova directora xeral de Yahoo!

luns, 16 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Marissa Mayer, unha das caras máis visibles de Google e exemplo de muller nun alto cargo de dirección nunha empresa tecnolóxica norteamericana, abandonará o seu cargo actual para converterse mañá mesma na presidenta e directora xeral de Yahoo!.
Mayer comezara en Google como programadora (sendo a traballadora nº 20 da compañía), para ir tomando cada vez máis cargos de responsabilidade (chegando a estar ao cargo de Google Maps) e sendo unha das poucas persoas dentro do grupo de confianza dos fundadores do buscador, aínda que nos últimos meses Mayer xa demostrou interese en buscar novos retos, entrando nos consello de dirección de Wal-Mart.
A tarefa de Mayer na dirección de Yahoo! non vai ser doada, pois a compañía leva varios anos sen rumbo e con cambios de dirección constantes, chegando a perder o 41% do seu valor bolsista nos últimos 5 anos, e estando moi lonxe da súa popularidade a finais dos anos 90.

PUBLICIDADE